Aprobada a moción do BNG para rescatar a sobreira de Balboa

A concelleira do BNG, Susana Camba, presentou por urxencia a moción que foi aprobada por unanimidade de todos os grupos


O BNG presentou por urxencia no pleno que se desenvolveu na tarde deste xoves 6 de febreiro, unha moción para o rescate da sobreira de Balboa.

A concelleira do BNG, Susana Camba, recordou que “esta árbore de máis de 500 anos foi derrubada hai máis dun mes polo temporal “Fabien” e a día de hoxe segue alí segue tirada, a pesar de ser un elemento patrimonial importante para o noso concello”.

O BNG insta ao concello a “implicarse no rescate desta sobreira dun extraordinario valor natural e cultural”. A concelleira nacionalista explicou que “o concello, de acordo co propietario desta árbore, ten que buscar unha saída para que a longa vida deste elemento non acabe nunha fogueira, senón que fique nun lugar destacado do noso concello”. “Para iso”, engade Susana Camba, “o goberno debería abrir un concurso de ideas entre os veciños e veciñas para ver entre todos e todas que mellor fin se lle pode dar á sobreira de Balboa”.

Susana Camba explicou que “noutros sitios, en idéntica situación, souberon manter vivo o legado de árbores singulares, como en Alsasua, Guernika ou mesmo Tomiño, que souberon manter este patrimonio e hoxe son unha atracción turística máis destes concellos”.

Finalmente a moción do BNG acadou o apoio unánime de todos os grupos con representación no pleno do concello.

Noutra orde de cousas , e xa no apartado de rogos e preguntas, o BNG tamén instou ao goberno municipal a mellorar o vial que comunica o lugar de San Bartolomeu en San Xiao de Vea e A Ribeira en Santo André de Vea, así como o vial que comunica esta última parroquia con Requián, en concreto lugar preto da igrexa e en Chaín, na parroquia de Frades.

Compárteo!

Deja una respuesta