A Xunta apela ao uso responsable do teléfono de emerxencias no Día europeo do 112

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibiu hoxe a integrantes de asociacións do concello da Estrada para coñecer as instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, con motivo do Día Europeo do 112, que se celebra hoxe. Na visita tamén participou o alcalde da Estrada, José López Campos.

Alfonso Rueda incidiu na necesidade de fomentar a concienciación da cidadanía para que fagan un uso responsable do número único de atención ás chamadas de emerxencia 112. “Visitas coma estas axúdannos a perseverar para que os cidadáns saiban que poden recorrer ao número 112 ante calquera emerxencia, onde recibirán unha atención inmediata e profesional”, sinalou. Tamén reivindicou a importancia do investimento en emerxencias para que os profesionais estean ben formados e equipados para calquera intervención.

Deste xeito, o Goberno galego sumase á acción divulgativa e de sensibilización no Día Europeo do 112 sobre os beneficios deste servizo, que este ano inclúe a apertura dos centros de emerxencias á cidadanía para dar a coñecer o seu funcionamento. “Os veciños da Estrada coñecen con esta visita que teñen no seu concello todos os recursos de emerxencias centralizados nestas instalacións”, indicou Alfonso Rueda.

Os asistentes á visita tamén recibiron recomendacións por parte do persoal do 112 Galicia sobre como reducir os riscos de incidencias como os incendios no fogar ou os atropelos na rúa e coñeceron tamén o equipo de drons que a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) mobiliza para a busca das persoas desaparecidas.

O vicepresidente da Xunta destacou o papel das novas tecnoloxías e a da innovación no ámbito das emerxencias e para permitir o acceso de toda a cidadanía aos servizos do 112. Nesta liña, sinalou ademais que a Axega conta con distintas ferramentas para coñecer a localización das persoas que chaman ao 112.

O 112 foi lanzado no ano 1991 co obxectivo de proporcionar un número de emerxencia común, gratuíto e dispoñible as 24 horas do día os 365 días do ano en todo o territorio da Unión Europea. En Galicia, o CIAE-112 atende e xestiona as chamadas de emerxencia da nosa comunidade e coordina os medios e recursos que interveñen na resolución das emerxencias.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta