Presentación do Entroido 2020 Estradense

 A concelleira estradense Lucía Seoane e a vicepresidenta da Asociación de Hosteleiros da Estrada, Adriana Abelleiro, presentaron onte a programación do Entroido da vila, que celebrará o seu día grande o martes 25 de febreiro, festivo local.

Este ano, como novidade, o Goberno municipal organizou un ‘Bicientroido’ solidario para os rapaces e rapazas da vila, que será o luns 24 de febreiro, a partir das 15.30 horas. Os participantes deberán levar un quilo de alimentos, que logo se doarán a Cáritas.

Antes, o próximo venres terá lugar o concurso de disfraces da Hostelería Estradense, con máis de 1.600 euros en premios. A inscripción deberá facerse no Robert´s Café.

O sábado 22 de febreiro será o baile de disfraces infantil no Samaná, a partir das 16.30 horas.

O domingo 23 a parroquia de Santa Cristina de Vea celebrará os Encontros dos Xenerais, ás 19.30 horas no campo da festa, mentres que ás 17.30 horas haberá un baile de disfraces para maiores, co Dúo Galín, na Residencia.

Ao día seguinte, ademais do Bicientroido, os mozos e mozas poderán participar nun obradoiro infantil de decoración de bicicletas, para o cal será preciso inscribirse previamente en Alcaldía.

Xa o martes 25 as rúas da vila serán escenario do concurso e do entroido tradicional, mentres que o Alto dos Xenerais será na Praza da Feira, así como a entrega dos premios.

O sábado 29 será o turno de Arnois, que celebrará os encontros dos xenerais a partir das 19.00 horas no campo da festa. Este día será tamén o Enterro do Salmón, ás 19.00 horas.

Por último, o domingo 1 de marzo será o entroido tradicional na parroquia de Santeles. O encontro dos xenerais terá lugar a partir das 19.00 horas no campo da festa.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta