O espallamento da fibra óptica na Estrada deixa fóra ao 67% dos núcleos rurais

Hai unhas semanas o alcalde da Estrada anunciaba o despregue da fibra óptica nunha serie de núcleos rurais ao longo de 2020 e 2021. Sen embargo, a pesar de que a lista aparentemente era numerosa, unha análise dos datos reflicte que o 67% dos núcleos rurais da Estrada quedarán fóra do despregue da fibra que están realizando as operadoras Movistar e R.

É dicir, máis da metade dos veciños e veciñas do rural da Estrada non terán acceso á banda ampla de acceso a internet nos próximos dous anos. Logo de 2021 a continuidade do espallamento da fibra dependerá da vontade das operadoras e sobre todo das subvencións públicas que reciben para tirar o cable polo rural, que se poden ver afectadas logo do presumíbel recorte de fondos europeos que se aprobará proximamente no consello europeo.

Por outra parte, das 52 parroquias nas que se divide o noso concello, só unha, Barbude, terá todos os seus núcleos con fibra, o resto das parroquias terán que agardar. Este xeito de espallar a fibra no rural é cando menos anárquico, sen sentido e en máis dun caso sobrevoa a longa man do caciqueo, habitualmente utilizada polo PP para manter contenta a súa tropa. Este caprichoso despregue da fibra óptica lembra á instalación dos teléfonos públicos no rural a mediados dos anos 80 do século pasado. Daquela a dereita caciqueaba teléfonos públicos, hoxe caciquea coa fibra óptica.

Este espallamento caprichoso e anárquico discrimina en xeral a todos os veciños e veciñas do rural a respecto dos que viven na vila, e o que é peor, este tratamento discriminatorio aínda é máis grave cando se produce entre veciños e veciñas dunha mesma parroquia, un agravio comparativo que baixo ningún concepto debería de darse. Porque non estamos falando só de ter ou non ter un servizo, senón que hai veciños e veciñas que pagan máis por un acceso a internet de peor calidade e prestacións.

Desde o BNG entendemos que o alcalde debe dar explicacións dos criterio utilizados polas operadoras para espallar a fibra óptica no rural.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta