O PSOE RECLAMA ACTUACIÓNS URXENTES EN MONTILLÓN PARA GARANTIR A SEGURIDADE E OS SERVIZOS DOS VECIÑOS E VECIÑAS

O PSOE reclama actuacións urxentes en Montillón para garantir a seguridade e os servizos dos veciños e veciñas. Luis López Bueno apunta a que “cedeu unha parede de terra na entrada do lugar, e o único que atinou a facer o concello foi apartar as pedras máis grandes á beira da pista. Mentres tanto, a parede continúa sen asegurar é existe un risco máis que evidente de producirse un novo corremento. Ademais, é un punto moi transitado porque a pista é un paso obrigado para acceder ao lugar”.
O concelleiro asegura que “estiven alí vendo os efectos do temporal, e non se trata da única deficiencia que hai nese entorno. Puidemos falar cos veciños e xa acudiron ao concello denunciando esta situación, pero o goberno non é capaz de ofrecerlles unha solución”.
López Bueno destaca que no lugar de Montillón “cómpre desatoar a rede de saneamento en varios puntos, xa que non admite o torrente de auga que discorre por ela cando chove. Hai que amañar unha canalización que derrama o seu contido no portal dunha vivenda, e tamén é necesaria unha actuación sobre parte do vial que leva ao campo da festa. O goberno non ten escusa, son actuacións perfectamente asumibles a nivel técnico e económico, e resolverían os problemas máis notorios que hai nesa zona”.
O voceiro remarcou que “non é admisible que se anuncien grandes investimentos mentres o rural está nunha situación de ruína. O goberno está esquecendo as parroquias como sempre fai despois das eleccións”. Lamentouse tamén de que “estamos a falar deste lugar en concreto, pero existen deficiencias similares a estas en todas as parroquias. López Campos e Juan Constenla deberían velar polo mantemento das infraestruturas nas parroquias, pero este goberno prefire falar de Plans de Mobilidade para a vila en vez de mirar polo benestar dos veciños”.
López Bueno tamén considera que “a situación na vila tampouco é moito mellor, só hai que ver o estado de determinadas rúas como Avenida de Santiago, Leicures, Serafín Pazo…”, e determina que “este goberno é incapaz de xestionar as infraestruturas que ten o concello, e en vez de traballar nesa dirección, encargou o deseño dunha estratexia para novos investimentos”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta