A Xunta destaca o compromiso da AGASP para formar ás forzas e corpos de seguridade en Galicia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe ao acto de elección de praza dos aprobados no proceso de selección unitario de policías locais que escolleron destino definitivo entre as 132 vacantes convocadas en 2019 pola quenda libre. Estas prazas foron ofertadas por parte de 28 concellos dos 73 que xa teñen asinado o convenio para delegar no Goberno galego a selección e formación das súas plantillas de policías locais e auxiliares.

Alfonso Rueda destacou o compromiso da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) para formar ás forzas e corpos de seguridade que velan pola seguridade dos galegos e galegas. Os futuros axentes que escolleron hoxe praza comezarán en breve a súa preparación e formarán parte da 12ª promoción de policía local da Academia, a máis numerosa da historia do centro. No verán realizarán prácticas nos seus concellos de orixe e no mes de novembro incorporaranse aos destinos elixidos no acto de hoxe.

Trátase do segundo proceso de oposicións unificadas para cubrir 158 postos de policía local en 28 concellos galegos: os 132 pola quenda libre que comezarán en breve a súa formación e os 26 pola quenda de concurso-mobilidade que escolleron destino o pasado venres e que se incorporarán aos seus concellos nos próximos días. Este proceso súmase ás 38 prazas en 23 municipios ofertadas en 2018 para esta categoría.

No caso dos auxiliares de policía local as primeiras oposicións unitarias celebráronse en 2018 para optar a 109 prazas e o ano pasado a segunda convocatoria con outros 144 postos que xa están adxudicados.

O vicepresidente da Xunta incidiu en que a aprobación do decreto 115/2017 que regula a centralización na AGASP das oposicións de auxiliares e policías locais dos municipios que así o decidan de forma voluntaria, permite ás entidades locais aforrar xestións e recursos, ao mesmo tempo que favorece a axilidade dos procesos. Nesta liña, sinalou a importancia da colaboración entre a Xunta e a Administración local para que sexan máis eficientes na prestación dos seus servizos.

Ademais, resaltou que a AGASP é un centro de referencia estatal para a formación dos corpos e forzas de seguridade do Estado destinados en Galicia e dos servizos de emerxencia e voluntarios de Protección Civil co obxectivo de actualizar os seus coñecementos.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta