COMUNICADO DO BNG DA ESTRADA POLA CRISE DO CORONAVIRUS

Dende o Bloque Nacionalista Galego da Estrada queremos comezar dando azos aos traballadores infectados da nosa vila, aos seus familiares e a todo o pobo estradense que está a demostrar nesta crise unha seriedade e unha disciplina exemplares, a pesar do difícil da situación, quedando na casa para evitar o espallamento desta nova enfermidade.
 
Tamén queremos recoñecer o esforzo e agradecer a todos os traballadores e traballadoras que manteñen o servizo público de saúde (limpadoras, celadores, enfermeiras, médicas…) e que están a realizar un labor excepcional en primeira liña, a pesar das súas condicións precarias de traballo. É o noso sistema público de saúde quen unha vez máis garante a igualdade e sostén a nosa sociedade nos momentos máis difíciles.
 
Queremos tamén expresar a nosa solidariedade cos traballadores e traballadoras que non poden ficar na casa e que o seu traballo, moitas veces invisibilizado no día a día, é indispensábel: transportistas, caixeiras, repoñedoras… É por todos estes traballadores e traballadoras precarias que teñen que continuar a traballar para que a sociedade non se derrube, e instamos ao establecemento e cumprimento dos protocolos de seguridade para manter o máis a salvo posíbel a  todos aqueles traballadores e traballadoras que teñan que continuar a traballar.
 
É por iso que, deixando á marxe a enorme distancia ideolóxica que nos separa do goberno municipal e dos outros partidos da oposición, queremos transmitirlle ao goberno que nos terá ao lado durante esta situación dando ideas, apoiando e reforzando todas aquelas iniciativas que se realicen dende o concello para mitigar o máximo posíbel os efectos negativos desta crise. Do mesmo xeito convidamos ao resto da oposición a sumarse a este esforzo común e confiamos en que así o farán para acadar consensos que melloren a saída desta situación.
 

Unha vez máis, dende o BNG queremos animar á veciñanza estradense nestes tempos que son duros, pero pasaxeiros. A pesar de estarmos nunha situación nova estamos a demostrar que a cura máis efectiva é vella: a rede de solidariedade veciñal que é a que impide que caiamos.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta