O PSOE ESIXE QUE O GOBERNO SE CENTRE EN RECUPERAR A NORMALIDADE E SACAR ADIANTE O ORZAMENTO DE 2020

O PSOE esixe que o goberno municipal evite anuncios e se
centre en sacar adiante o orzamento para 2020 “que vai con tres meses de
retraso”. Luis López Bueno critica que “este goberno faga anuncios
improcedentes na situación excepcional que estamos a vivir. Ademais
trátase dunha decisión que debería ser consensuada co resto de grupos
políticos, non unha imposición unilateral do goberno”.
López Bueno tamén valorou que “o proxecto requirirá informes técnicos que
aínda non están sobre a mesa. Este tipo de anuncios funcionan como unha
cortina de fume do Goberno, ese expediente atópase nun estado moi inicial
e non corresponde facerlle publicidade agora, máxime cando non existe
sequera un orzamento aprobado”.
O voceiro socialista valorou que “o Concello ten cuestións moito máis
urxentes sen resolver: Non existe un plan estratéxico para paliar a crise
demográfica, débese elaborar a RPT que o Concello está obrigado a sacar
adiante por sentenza xudicial e cun procedemento de execución forzosa
aberto. Continúa sen cubrirse o posto de Psicóloga no CIM, o Centro de
Atención Temperá funciona en precario, cun contrato de tempo determinado
e que expirará pronto”. López Bueno considera que “anuncios coma o de
onte reflexan que este goberno non é capaz de distinguir as prioridades,
traballa sen saber cara onde vai”.
López Bueno pregúntase “onde está a dirección política do Concello? A
Estrada perde preto de 200 habitantes ao ano, e a proposta de creación
dunha Comisión Especial de Reto Demográfico continúa sen tramitar. O
goberno non é consciente da gravidade da situación demográfica, non
manexa escenarios económicos do que suporía descender dos 20.000
habitantes, e está a facer a conta da leiteira anunciando a compra dun
edificio”.
Ademais diso, o voceiro opina que “o goberno non ten en conta o impacto
que terá o envellecemento sobre os servizos que se están a prestar.
Precisamos un plan para adecuar a demanda dos servizos á terceira idade
nos vindeiros anos, a medida que envelleza a nosa pirámide de poboación,
a demanda aumentará“

Compárteo!

Deja un comentario