Achegas do BNG da Estrada para loitar contra a pandemia do Coronavirus

Nestes intres de emerxencia sanitaria e vital, na que se porán a proba as capacidades e vontades políticas a prol dunha cidadanía que vai sufrir de forma gravísima as súas consecuencias, o BNG da Estrada quere contribuír á mitigación e no seu caso solución das mesmas.

A nosa formación, di Susana Camba, despois de que o Consello local reunido por videoconferencia fixese unha valoración da situación, quere trasladar ao goberno actual do Concello da Estrada as seguintes preguntas e achegas :

– Debido ás circunstancias da poboación escolar en todos os niveis educativos, cómpre saber o censo desta poboación que carece da infraestrutura necesaria para seguir con proveito as propostas académicas que os centros lles trasladan para así paliar o cese das actividades do curso de forma presencial.

Neste sentido desde o BNG pensamos que o concello, en colaboración coas equipas directivas dos centros escolares, doten de medios informáticos a aqueles alumnos/as que non dispoñan de internet ou ordenadores/tablets, para poder realizar as tarefas que envían dende os centros, evitando así o agravio comparativo nos futuros resultados escolares.

– Queremos instar ao goberno municipal que active un programa de desinfección periódica dos contedores do lixo tamén no rural. Sabemos que son puntos de posibles contaxios polo que é importante rebaixar a carga viral que se pode depositar neles.

– Igualmente tamén queremos saber se desde a concellería de Asuntos Sociais hai constancia de que as persoas adicadas ao coidado das persoas positivas confinadas na casa, tanto se son familiares como traballadoras/es alleos ao domicilio, contan con facilidades para fornecérense de medios de protección axeitados.

– Na mesma orde de cousas, solicitamos información de se xa se están acondicionando lugares públicos para aquelas persoas que sofren exclusión social e non teñen unha casa onde pasar o confinamento ou a corentena evitando, por unha parte, expoñer ao contaxio a máis persoas, e por outra facilitar un lugar seguro e hixiénico para que non conte con el.

– Conscientes todas e todos das graves dificultades económicas que isto xa está traendo sobre todo para a xente máis desfavorecida, instamos ao goberno a que explicite claramente na páxina web de Servizos Sociais as liñas de axuda que se puxeron en marcha, se é que se está a facer. Así mesmo, propoñemos que no enlace á paxina de Servizos Sociais do concello se habiliten os teléfonos onde chamar e caso de desamparo económico.

Do mesmo xeito, solicitamos información acerca da activación dun plan de continxencia que active as  partidas económicas que fagan falta para paliar unha situación de emerxencia como a que estamos vivindo, e tamén se se están a facer efectivas as que a Xunta e o Estado están facilitando aos concellos. Sería imprescindible activar un contacto áxil (teléfono) para poder consultar  os términos da prestación  destes auxilios que se poden precisar en moitos ámbitos da veciñanza .

Finalmente o BNG quere trasladar a súa disposición de servizo á cidadanía nesta loita que a todos/as nos convoca. 

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta