O goberno municipal confunde ao sector agrogandeiro coa súa nota “ordes, prohibicións e instrucións” sobre o coronavirus

O concello da Estrada vén de publicar unha serie de instrucións nas redes sociais do Servizo de Emerxencias do noso concello que pode inducir a equívocos, en concreto no que afecta aos gandeiros e gandeiras.

No apartado da nota dedicado ao “Coidado de animais en parcelas”, explica que “o desprazamento a hortas e parcelas para a alimentación dos animais deberá limitarse a esa función, accedendo á parcela dende o domicilio de forma directa como máximo unha vez por día”.

Deixando á marxe de que quen leva os animais a unha leira ten que volver pola tarde ou á noitiña a buscalos de volta, co cal o acceso á parcela faise cando menos dúas veces ao día, os gandeiros e gandeiras teñen liberdade de movementos para desenvolver a súa actividade. Así o indica unha nota da Consellaría de Medio Rural que explica que “está permitida a actividade agropecuaria, así como todas aquelas actividades que a sustentan”, “precisamente para asegurar a subministración de alimentos á poboación”, engade.

Como indica a nota de Medio Rural, “o sector primario (agricultura, gandería), así como o sector da industria agroalimentaria, e todos os que forman parte da cadea alimentaria son axentes crave para a economía”. “A subministración de produtos de primeira necesidade á poboación debe estar garantida”, engade a nota da Consellaría.

Desde o BNG entendemos que esta nota do concello, tal e como está redactada, pode inducir á confusión de gandeiros e gandeiras, e faino precisamente nun intre no que se incrementa notabelmente as tarefas de cultivo do sector.

Instamos ao goberno municipal a asesorarse mellor na Consellaría de Medio Rural e a rectificar esta nota que confunde o sector agrogandeiro do noso concello.
 
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta