O PSOE PREOCUPADO POLA POUCA COBERTURA DOS TEST RÁPIDOS PROMOVIDOS POLO CONCELLO

 

“Débeselle facer a todos os traballadores municipais sen excepción
e chegar ao persoal do Servizo de Axuda no Fogar. Ademais cómpre
instar á Xunta para que se lle fagan PCR a todo o persoal sanitario”,
di López Bueno.

O PSOE amósase preocupado pola escasa cobertura dos test
rápidos que o Concello realiza entre o persoal funcionario que traballou cara o público durante o estado de alarma. López Bueno considera que
“Comprendemos que se lle fagan test aos traballadores municipais, pero
débeselle facer a todos sen excepción e hai que ir máis alá e chegar tamén
ao persoal do SAF. Ademais cómpre instar á Xunta para que se lle fagan
PCR a todo o persoal sanitario”.
O voceiro socialista explica que “é evidente que o Concello debe
preocuparse polo estado de saúde dos seus traballadores” pero parécelle
“insuficiente” a iniciativa do Goberno municipal “porque se lle debería facer a proba a calquera traballador que se reincorpore, e porque o alcalde non lle ofreceu a posibilidade ás traballadoras do SAF, que aínda non tiveron acceso a esas probas”. Tamén indica que “non faremos demagoxia con este asunto porque facer test masivos é complicado, pero débese atender a colectivos que están a traballar durante a situación de pandemia”.
Para López Bueno trátase dunha esixencia que o Concello debe realizarlle á
empresa que presta o servizo porque “está a prestar un servizo de
competencia municipal e o virus pode estar circulando entre os usuarios,
que son un colectivo de risco. Ademais as traballadoras precisan ter
seguridade e os test son básicos para conseguila”.
O voceiro pide que “se esixa da prestadora do servizo que faga esas probas
entre as traballadoras que prestan o servizo na Estrada, igual que o
Concello lle fai test ao seu persoal”. Ademais tamén entende que “a
situación sanitaria aconsella que outros traballadores esenciais que tiveron
actividade cara o público teñan a posibilidade de facer os test rápidos”.
O líder dos socialistas considera que “a decisión de López Campos é
inadmisible, non poden existir traballadores de primeira e de segunda en
función de para quen traballen” e por iso propón “financiar eses test dende
o Concello se é necesario, porque está en xogo a saúde dos veciños e
veciñas da Estrada”.
Os socialistas tamén consideran que se deberían facer esforzos na liña de
conseguir test para persoas maiores que aínda non foron contactadas polo
SERGAS, e que mentres non se consigan “débense aclarar os criterios que
deciden a quen se lle fai o test e a quen non”.

Ademais, López Bueno manifesta a súa perplexidade pola
“irresponsabilidade e nula preocupación da Xunta de Galicia respecto dos
profesionais da sanidade” e por iso pide “que o Concello da Estrada inste a
que se realicen canto antes os test PCR a todos os profesionais que
traballan nos centros de saúde, hospitais e ambulancias. Agora mesmo os
focos de contaxio están alí e hai que ter unha imaxe real de cal é a situación
dos sanitarios na Estrada”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta