Sabucedo apraza a edición 2020 da Rapa e a veciñanza decidirá se celebra os curros os días 15 e 16 de agosto

 Prefírese agardar para ver a evolución da pandemia e reunir á
parroquia en xullo para optar pola celebración ou suspensión
 A directiva cre que, se a situación o permite, debería facerse
polo benestar dos animais e as esixencias administrativas

 

A Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo vén
de decidir, tras consultar coa veciñanza, o aprazamento da edición 2020, prevista entre os días 3 e 6 do vindeiro mes de xullo, e a celebración dunha consulta posterior entre toda a parroquia para ver a posibilidade de retomar os curros deste ano nos días 15 e 16 de agosto, sempre que a situación sanitaria da crise do coronavirus o permita facer coa máxima seguridade.
A directiva propuxo a anulación das datas habituais, xa que considera que sería moi precipitado e inviable para a preservación da saúde, e paralelamente adoptar un período de agarda e darse tempo para comprobar a evolución da pandemia e das distintas fases da desescalada. Dita opción foi apoiada maioritariamente pola parroquia, que será convocada no mes de xullo a unha xuntanza para determinar se a
edición 2020 se suspende definitivamente ou celébrase os citados 15 e 16 de agosto.
En caso de que Sabucedo opte por esta alternativa, todo dependerá loxicamente das autorizacións dos responsables sanitarios e das administracións públicas.
O equipo rector de A Rapa das Bestas de Sabucedo lembrou que esta celebración secular “naceu, segundo a cultura popular, en época de peste e superou a Gripe Española de hai un século ou acontecementos tan terribles como a Guerra Civil, polo que agora afrontamos unha nova dificultade que ben seguro imos superar atendendo á máxima que nos guía, que é o coidado e o amor ás bestas do monte como membros
da nosa comunidade e do noso modo de vida”.
Por elo, e recalcando que a seguridade sanitaria e a preservación da saúde
determinará calquera decisión, a directiva cre que a edición 2020 da Rapa debería celebrarse, aínda que fora nas datas alternativas de agosto, “pola importancia de manter unha tradición secular, polo imprescindible coidado dos cabalos e do seu benestar coas tarefas de desparasitación e rapa das crinas e pola necesidade de cumprir cos parámetros administrativos e legais da identificación e conteo das reses con respecto ás esixencias das administracións públicas ou da empresa aseguradora”.
FESTA DE INTERESE TURISTICO INTERNACIONAL
453 ANOS COIDÁNDOVOS

Finalmente, tanto a directiva como a parroquia de Sabucedo, que quixeron expresar a súa tristura e condolencias polos milleiros de falecidos polo coronavirus, informaron de que van anunciar publicamente este aprazamento na súa páxina web e nos seus perfís oficiais en redes sociais para evitar a presenza de público na parroquia a primeira fin de semana de xullo, xa que a festa soe acoller a entre 20.000 e 30.000persoas cada ano.

Compárteo!

Deja una respuesta