O Concello continúa co seu labor de rozado de beiravías por todo o municipio estradense

Dende o servizo de obras do Concello da Estrada, estanse levando acabo as tarefas de rozadura nas beiravías das estradas asfaltadas de titularidade municipal.

Para realizar esta tarefa de eliminación de broza, cóntase con cinco tractores e o apoio de operarios con rozadoiras manuais para actuar en zonas na que non poden actuar os tractores. Unha actuación que se intentará acometer o máis axiña posible, con vistas a neutralizar a gran proliferación de maleza nas marxes dos camiños debido as condicións meteorolóxicas favorables e ao retraso provocado pola declaración do estado de alarma.

Dende que comezou o labor de rozado de beiravías a finais de abril, esta lévase acometido en 18 parroquias (Cereixo, San Xurxo de Vea, Lagartons, Cora, Orazo, San Xiao de Vea, Riobó, Oca, San Pedro de Ancorados, Baloira, Aguións, Agar, San Miguel de Castro, Barbude, Rubín, Remesar, San Miguel de Barcala e A Estrada).

Nos vindeiros días seguiranse intensificando os labores de limpeza para mellorar a seguridade dos nosos viais, tanto para os vehículos que discorren por eles, como para o gran número de viandantes que fan uso da nosa extensa rede viaria, paseando ou facendo deporte durante este proceso desescalada.

Outros dos obxectivos desta tarefa de limpeza en beiravías, terrapléns e medianas son os de diminuír o risco de incendio ante a inminente chegada do verán e o de facilitar a óptima visibilidade dos sinais de tráfico, evitando así posibles accidentes.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta