O PSOE SOLICITA A PRESENZA DA ITV MÓBIL EN OCA ANTES DO 31 DE XUÑO

O PSOE pide explicacións pola ausencia da unidade móbil de
ITV na parroquia de Oca este ano. López Bueno argumenta que “o Goberno
municipal aproba os lugares e días onde se colocará a estación móbil da
ITV, non ten sentido que cando lle foi solicitada a autorización, non se
desen conta de que faltaba unha parroquia”.
O voceiro socialista rexistrou un escrito no Concello para “recibir
explicacións por escrito de cales foron as xestións que se fixeron con SyC
ITV sobre a ausencia en Oca” e instou ao Goberno a obrigar á concesionaria
a dispoñer a unidade móbil en Oca durante tres días antes do 31 de xuño,
“como acontece nas demais parroquias que gozan deste servizo”.
López Bueno considera que “o Goberno volve a ignorar as necesidades dos
veciños” e recorda que “é un servizo esencial para unha parte importante
do Concello, e o Goberno ten capacidade para esixir que Oca se inclúa no
calendario”.
Asimesmo valorou que “a unidade móbil de Oca recibe vehículos dunha
zona da Estrada con arredor de 2.500 veciños, e ademais achéganse a ela
persoas de Concellos limítrofes como Silleda, Vedra e Boqueixón” e por iso
lle parece que “é unha cuestión coa suficiente importancia como para
tomala en serio”.
O líder dos socialistas espera que “a nosa solicitude se atenda con
prontitude” aínda que opina que “neste momento o Goberno municipal é
incapaz de resolver calquera problema” e pon os exemplos dos problemas
de abastecemento de auga en Codeseda, o atraso na limpeza dos viais
municipais, o mal estado dos arredores da vila “e poderiamos continuar
enumerando situacións que están pendentes dunha solución”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta