O PSOE VE UNHA IRRESPONSABILIDADE CELEBRAR O SAN PAIO NESTES MOMENTOS

 

O PSOE móstrase moi crítico coa organización das festas do
San Paio e considera que “é unha absoluta irresponsabilidade” organizar
actos a estas alturas. López Bueno remarca que “seguimos nunha situación
de pandemia” e considera que “López Campos e Gonzalo Louzao queren ser
os campións da nova normalidade, pero estamos vendo exemplos de
rebrote en países onde o virus parecía controlado, e en localidades que
levaban dous meses sen contaxios”.
O líder dos socialistas considera que “é un disparate celebrar o San Paio
mentres a atención ao público no Concello está en mínimos, non se están
abrindo os locais das parroquias para as actividades das asociacións, as
consultas na sanidade son telefónicas e as escolas están pechadas, por
exemplo”.
López Bueno pregúntase “cal é a diferenza entre traer a unha orquestra e
traer un concerto de Luar na Lubre ou María do Ceo?, son eventos moi
parecidos” e pensa que “este goberno está moi mal asesorado” se cre que
poderá garantir a seguridade sanitaria durante os eventos “non hai
protocolo aprobado pola Xunta de Galicia, pero parece que algúns
concelleiros da Estrada xa son expertos en organización segura de eventos”.
O socialista considera que “neste momento é imposible organizar o San Paio
con garantías” e sabe que a súa postura quizais sexa “impopular” pero
parécelle que a dos socialistas é “a única actitude responsable que hai na
Corporación agora mesmo”.
O voceiro tamén mostra a súa completa indignación polo sistema de
invitacións para acceder aos concertos, que tacha como “discriminatorio”.
López Bueno carga con dureza contra o sistema de invitacións e asegura
que “está deseñado para que os amigotes do goberno poidan ir aos
concertos. Non hai ningunha transparencia no reparto de entradas nin
información de cantas prazas haberá”.
López Bueno cuestiónase por que “hai un sistema de recollida en locais
privados” e pregúntase tamén “cal foi o criterio para establecer os puntos
de retirada de invitacións”. Ademais, fai fincapé en que “ocultáronnos esa
información cando preguntamos no Pleno” e lamenta o comportamento
“opaco” do PP órganos colexiados do Concello.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta