Se o BNG lidera o goberno da Xunta non se vai esquecer da Estrada como se esqueceu o PP

 

A Praza do Concello acolleu hoxe o acto público do BNG de pre-campaña das eleccións Galegas do 12 de xuño. O acto contou coa participación da candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón e o número un por Pontevedra, Luís Bará. Ademais tamén interviron o candidato da localidade, Pablo Carracedo Goldar “Jásper”, que figura no posto catorce da lista, así como Ariadna Fernández, veciña de Lalín, que figura no posto nove da candidatura nacionalista. Tamén contou coa participación de Susana Camba, concelleira do BNG no concello da Estrada.

Susana Camba explicou na súa intervención que “A Estrada non conta para o Partido Popular, que goberna a Xunta desde 2009, a pesar de que o goberno municipal é da mesma cor política, o que demostra, o que dixemos tantas veces, que o alcalde non ten peso político na súa formación e que o noso concello só sirve recadar votos para o PP, sen que haxa unha contrapartida en investimentos, como podería ser un centro de día amplo e á altura do noso concello ou solo industrial público, para impulsar a economía e o emprego”. “Gobernan a Xunta desde 2009, pero non se nota no noso concello”, afirmou a concelleira nacionalista.

Pola súa parte, o candidato do BNG da localidade, Pablo Carracedo Goldar “Jásper” explicou que “o noso concello conta con potencialidades que están esmorecendo nunha silveira”, en referencia á Torre e o Pazo de Guimarei, “o BNG vai a sacalos á luz e devolverlle todo o esplendor o noso patrimonio”, afirma, “é o noso compromiso cos veciños e veciñas da Estrada, así como o que apuntaba a compañeira Susana, de solo industrial público, sen esquecernos do sector do moble e a madeira, e o centro de día”. “O BNG non se vai esquecer da Estrada, como se esquece o PP, se lideramos o goberno da Xunta de Galiza a partir do 12 de xullo”.

A número nove da candidatura, Ariadna Fernández, veciña de Lalín, explicou que “na comarca Tabeirós-Deza o sector ten un peso moi importante que o BNG comprométese a potenciar, mais tamén queremos impulsar o comercio de proximidade de produtos frescos da comarca”. “A crise do Covid-19 ensinounos moitas cousas, pero o que deixou claro é temos que producir, non podemos deixar que os nosos alimentos veñan de miles de quilómetros, e a comarca e Galiza ten capacidade abondo para producir alimentos para todos os veciños e veciñas”.

Compárteo!

Deja una respuesta