LÓPEZ BUENO ESIXE UNHA CONSULTA “CASA POR CASA” E “EN TODO O CONCELLO” SOBRE A PEONILIZACIÓN DO CASCO URBANO

O PSOE da Estrada pide que a consulta sobre a peonilización
de varias rúas da vila se faga “casa por casa”. López Bueno apunta que
“existe capacidade para buzonear as enquisas nos domicilios, igual que se
enviou información sobre a covid-19 hai mes e medio”.
O concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán, apuntaba onte que
existía risco de que participaran turistas na sondaxe que pretende realizar o
Concello e que o Rural participaría a través das asociacións, pero o voceiro
socialista cre que “iso non ten ningún sentido”.
“O risco de que participen turistas é nulo, abonda con establecer o requisito
de contar cun domicilio dentro do municipio” e parécelle que o atraso a
setembro ou outubro para realizar a enquisa se debe a que “o goberno ten
moitas ganas de ir de vacacións”.
Tamén explica que “O rural ten que ter voto casa por casa. Se se pretende
facer unha consulta que represente a todo o mundo, non ten sentido que
participen as asociacións como entidade colectiva, teñen que poder votar
todos os veciños das parroquias, non só os asociados”.
Para o líder da oposición, a consulta retrásase porque “non hai un proxecto
serio que avale a iniciativa, con informes técnicos sobre como quedará a
mobilidade na proposta. O único que se fixo foi pechar rúas e retocar a
circulación cada dous días, o demais está todo por facer”.
López Bueno aprecia que “é un asunto que non ten consenso nin no propio
goberno municipal, vai ser complicado que as asociacións teñan unha
opinión unánime, será imposible unha postura de unidade” e por iso insta
ao goberno a “realizar unha enquisa individual, que se faga chegar ás casas
e que a devolvan cuberta as persoas que desexen participar na consulta”.
Entende que é máis cómodo sacar a enquisadores á rúa “pero iso impide
que participen todos os veciños e que o proceso teña as garantías
necesarias”. Nese sentido, cre básico que se publiquen os informes sobre
como quedará afectada a mobilidade para que se poida participar con
“información detallada”.
López Bueno percibe que “o goberno está absolutamente superado” e que
“non teñen unha folla de ruta para encarar a nova normalidade”. Pide que o
goberno “resolva os problemas en lugar de crealos” e pon exemplos para
argumentar a súa opinión “por exemplo, o alcalde pecha as rúas e inicia
unha disputa entre os comerciantes”.

Prolongación da R/ Castelao 16, baixo
O voceiro socialista tamén se pregunta “onde estará o informe que se lle
contratou á USC por 14.000 euros”. Asegura que “atendéndolle ás
declaracións de López Campos, hai dous meses que ían a trasladarse os
primeiros resultados, pero de momento non se sabe nada del” e aféalle ao
goberno que “aprobara o seu raquítico Plan Reactiva sen ter ese informe
que ía ser tan básico”.
O líder da oposición cre que este goberno é “perigoso” porque “minte moito
e fai pouco”. Expón que “López Campos asegurou que o informe da USC ía
ser clave para decidir as medidas económicas, afirmou que ía mobilizar 4
millóns de euros para combater o coronavirus e a realidade é que non se
sabe nada do informe e o Plan Reactiva leva 142.000 euros co apelido
Covid”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta