Sabucedo decide a suspensión definitiva da Rapa das Bestas 2020 por seguridade sanitaria

 A parroquia optou, por ampla maioría, cancelar os curros “por
responsabilidade para preservar a saúde da veciñanza”
 A directiva anuncia que redobrará os traballos de coidado das
bestas no monte malia que certas tarefas serán inviables

A parroquia de Sabucedo celebrou esta tarde, na
Carballeira do Campo do Medio, unha asamblea veciñal que contou coa participación,
de máis dun cento de veciños e na que se decidíu, por ampla maioría, a suspensión definitiva da Rapa das Bestas 2020 por seguridade sanitaria.
“A veciñanza considerou que hai que actuar con responsabilidade para preservar a saúde da veciñanza e non hai que correr riscos innecesarios que poidan facer que xurda un rebrote. Deste xeito, tomamos unha decisión das máis difíciles, e non pola festa, senón polo coidado das bestas, que para nós son a maior das prioridades, pero só por debaixo da saúde da xente”, explicou o presidente, Paulo Vicente, que agradeceu o exercicio de responsabilidade, participación, democracia e confrontación
de ideas distintas da parroquia. “Demostramos unha madurez e un debate
enriquecedor e diverso que me fai sentir moi orgulloso de Sabucedo”, detallou.


A directiva expuso aos veciños ás distintas alternativas existentes, que pasaban pola suspensión definitiva, a celebración dunha rapa pechada sen público ou con certo aforo, establecéndose nestes dous últimos casos uns protocolos sanitarios que
incluían PCR´s para os aloitadores, a xente que realiza o traballo no monte e os demais colaboradores. Finalmente, o debate centrouse entre a cancelación ou un formato de curros privados, pero a maioría dos participantes vían moi complicado controlar a afluencia e garantir a seguridade sanitaria.
Tras a votación, que tamén servíu para cancelar a Festa do San Lourenzo en agosto, a xunta directiva expuso a necesidade de que toda a veciñanza intensifique a súa participación nos traballos de coidado das bestas no monte, especialmente nas fins de semana, malia que certas tarefas serán inviables xa que só é posible acometelas nos curros. “Este ano vai ser un pouco especial e imos despregar máis traballo para exercer un maior control sobre as mandas, que non se poderán beneficiar da necesaria desparasitación e outras labores que facemos nos curros, pero cremos que
un ano poden aguantalo, porque agora a prioridade é a saúde de todos”, concluíu.

Compárteo!

Deja una respuesta