A Estrada: sete meses sen orzamentos municipais

Susana Camba: “O alcalde ten que tomar medidas; se o concelleiro de facenda non fai o seu traballo terá que cesalo; o éxito da Comisión para o Reto Demográfico tamén depende de se temos ou non orzamentos municipais”.

 
A concelleira do BNG, Susana Camba, trasladou no día de onte as propostas da organización nacionalista á Comisión para o Reto Demográfico creada na Estrada para combater o despoboamento e a crise demográfica que vive o concello.

A concelleira nacionalista, que votou a favor da posta en marcha desta comisión, tamén criticou que “o goberno municipal do PP vén a esta comisión sen os deberes feitos, xa que a día de hoxe non hai orzamentos do concello para este ano 2020, do que xa van alá 7 meses”.

Para a concelleira nacionalista “é un absoluto despropósito, e é especialmente grave que, no contexto de crise económica provocada pola pandemia do Covid-19, que o goberno municipal non teña as contas deste ano aprobadas”. “Fomos á comisión para o reto demográfico con afán construtivo, levando as nosas propostas”, indicou a concelleira do BNG, “mais tamén para poñer sobre a mesa as consecuencias da falta de orzamentos para este ano”.

“Ter orzamentos é clave se queremos que sirva para algo a Comisión para o Reto Demográfico xa que deste foro emanarán as propostas que sirvan para cambiar o declive demográfico do concello”, afirmou a concelleira nacionalista. “A comisión non é un adorno para a galería como as cestas ‘baby box’ do PP”, afirmou.

A concelleira do BNG, Susana Camba, instou ao alcalde a tomar medidas, “López ten unha maioría absolutísima para sacar os orzamentos sen problema, e se precisa cambiar o concelleiro de facenda porque non fai o seu traballo terá que facelo; as concellarías son delegacións do alcalde, que ten todas as competencias, é a responsabilidade do alcalde sacar os orzamentos.”

“Por outra parte”, recordou a concelleira do BNG, “o concelleiro de facenda ten unha dedicación parcial, cobra do concello, e entre as súas tarefas está a de elaborar os orzamentos”. “Insistimos”, engadiu Susana  Camba, “o alcalde ten que actuar, non pode ficar cos brazos en cruz como fai con todo, agardando que o tempo solucione os problemas, mais o tempo non os soluciona, se non que os agrava e así temos os viais, a depuración de augas, a recollida do lixo, etc; en definitiva, o éxito da comisión para o reto demográfico tamén depende de se o concello ten ou non orzamentos”.
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta