O PSOE OBSERVA FALTA DE CRITERIO NOS PROXECTOS DE ASFALTADO PARA 2020

López Bueno explica que “a Deputación de Pontevedra apoia con
800.000 euros e o Concello non pon nin un só euro”

 

O PSOE ve falta de criterio nos proxectos de asfaltados para
o 2020 que anunciou onte o Concello da Estrada. Para os socialistas existe
unha falta de criterio que “deixa fóra os viais que se atopan en peores
condicións”.
O líder da oposición valora que “o goberno local non pon nin un só euro
para asfaltados” e cre que “é inadmisible” á vista do mal estado da rede
de estradas do Concello. Non comprende a postura de “investimento cero”
por parte do goberno e sentencia que “os veciños pagan impostos para
algo”.
López Bueno explica que “a Deputación de Pontevedra pon sobre a mesa
800.000 euros para estas actuacións, é o 90 % de todo o orzamento de
asfaltados deste ano”, e agradece ese apoio porque “se fora polo Concello
e pola Xunta só habería asfaltado en dúas pistas, a aportación é
raquítica”.
O voceiro solicitou acceso aos expedientes hai dous meses para facerlle
emendas, e lamenta que “o goberno puxera todo tipo de trabas para non
entregar a documentación”. Remarca que “insistimos por escrito, con
chamadas cada semana… Queren silenciar á oposición, pero Pleno tras
Pleno damos conta das demandas que non chegan dos veciños. O goberno
sabe perfectamente cales son os viais que precisan actuacións máis
urxentes”.
López Bueno afirma que “quedan fóra do proxecto a maioría das pistas
que precisan actuacións máis urxentes” e achácalle este feito a que “non
hai un criterio obxectivo para decidir que pistas se asfaltan e cales non”.
O líder socialista afirma que “hai sobrados exemplos de que os asfaltados
se fan por amiguismo ou despois de anos de loita dos veciños. Os veciños
están totalmente desprotexidos fronte á tiranía de López Campos”.
Sobre o proxecto como tal, o voceiro socialista considera que “só se verán
beneficiadas 8 parroquias, o resto non recibirán ningún investimento” e
cre que “hai aldeas que se van asfaltar case por completo e outras nas
que tan só se arranxará unha pista”. Considera que o goberno local debe
comezar a aplicar “criterios obxectivos” porque se a súa política de
investimento continúa así “haberá que destinar moitos millóns de euros a

estas actividades, cando cun proxecto ben organizado tecnicamente se
poderían aforrar recursos”.
López Bueno valora que en Ribela, Vinseiro e Tabeirós hai pistas que se
atopan en moi mal estado e celebra que “por fin” se lle poña remedio a
problemas que os veciños levan anos denunciando, pero tamén remarca
que “no 2020 quedan fóra as zonas de Vea, Arnois, Berres, Ribeira… onde
hai pistas que se atopan en moi mal estado” e reafirma que “o goberno
sábeo porque llo facemos notar reiteradamente nos plenos, e sabemos
que os veciños llo comunican a alcaldía”.
Os socialistas solicitaran tamén a entrega dunha lista á que o goberno se
refire habitualmente, onde deberían estar priorizados os viais que precisan
máis atención, pero non recibiron nada porque “esa lista non existe”,
asegura López Bueno.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta