Sabucedo reúne a 80 bestas para o marcado, desparasitación e rapa na primeira xornada de coidado no monte

 

A Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo 2020 
celebrou onte, durante todo o día, a primeira xornada de coidado das bestas no monte, unha medida coa que se pretenden suplir as tarefas que se fan durante a festa de comezos de xullo –cancelada este ano por seguridade sanitaria– e coa que se pretende garantir o seu benestar.
Así, e tras 14 horas consecutivas de traballo nunha xornada que comezou ao amencer en torno ás 7.30, un cento de persoas, principalmente veciños de Sabucedo e estreitos colaboradores de aldeas próximas, estivo a percorrer as zonas de Insuela, Corvos, Fontefría e Chao das Queimas e conseguíu reunir a 80 bestas das mandas que habitan nestes espazos.
Tras esta labor, que incluíu a captura de garañóns como Ciclón e Borrallas, as eguas foron trasladadas ata o peche do Peón, onde se procedeu ao marcado con microchip dunha ducia de poldras deste ano con persoal veterinario, á desparasitación interna de toda a cabana, algunhas rapas de crinas nas bestas que máis o precisaban e ao control e cambio de cabalos co obxectivo de favorecer un mellor desenvolvemento das
mandas.
A xornada foi longa e dura, xa que se celebrou baixo un abafante calor e incluso houbo que organizar unha comida campestre, que cumpríu escrupulosamente cos protocolos sanitarios de emprego de mascariñas, distancia interpersoal, hixiene de mans e racións individualizadas, para tentar aproveitar o día e todas as horas de sol.
A intención da Rapa das Bestas e da veciñanza de Sabucedo é continuar con estas
mesmas tarefas ao longo das vindeiras semanas, en base á dispoñibilidade da xente, para extender estas medidas de benestar e coidado ás mandas que campan polos montes da Conla, As Lamas ou O Cávado, entre outros espazos.
O presidente da asociación, Paulo Vicente, quixo agradecer a ampla participación da veciñanza, “o que demostra a súa responsabilidade e implicación co coidado da nosa  eguada” e explicou que este tipo de traballos por xornadas “é moito máis latoso e lento
que se o fixeramos de xeito unificado na Rapa, pero decidimos non celebrala por responsabilidade e agora temos que sacrificarnos bastante, moitas veces incluso a nivel persoal ou laboral, pero o facemos con gusto para darlle o maior coidado e benestar ás nosas bestas, sabendo que hai unha circunstancia sanitaria grave e agardando a que pase canto antes”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta