O PSOE CALIFICA DE “IMPROVISADA” A XESTIÓN ECONÓMICA DE ALBERTO BLANCO

 

O PSOE da Estrada califica de “improvisada” a xestión
económica do Concello da Estrada neste 2020. Luis López Bueno considera
que Alberto Blanco foi “incapaz de elaborar un orzamento para 2020 en
tempo e forma” sen que por parte do executivo local “se asumiran
responsabilidades” e cre que “o Concello está funcionando a salto de mata,
non hai planificación”.
Para o voceiro socialista existen “fallos claros na xestión económica” tanto
no 2019 como no 2020 “a liquidación do orzamento de 2019 incumpriu a
legalidade e obriga a presentar un Plan Económico Financeiro que axuste o
exercicio seguinte, e neste ano sequera hai orzamento”.
López Bueno cre que as explicacións de Alberto Blanco son “excusas de mal
pagador”, xa que “o estado de alarma non tivo nada que ver no retraso do
Goberno municipal, é máis, a liquidación do 2019 fíxose durante ese
período” e recorda que o seu grupo municipal “fomos os primeiros en
preocuparnos por este asunto, levamos dende finais de novembro do ano
pasado preguntando polo orzamento de 2020”.
O líder socialista afirma que o Goberno local mantén a regra de gasto
“porque é un requisito legal, non unha opción” e explica que “o orzamento
que se aprobe debe contemplar a regra de gasto, cousa distinta é que estea
permitido liquidar o orzamento incumpríndoa”.
“A MOCIÓN DO PP É UN DISPARATE, A CESIÓN DE REMANENTES É
VOLUNTARIA”
Por outra banda, o líder socialista opina que a moción presentada polo PP
para rexeitar a cesión de remanentes á Administración Xeral do Estado é un
“disparate político”. Cre que “esta moción dá boa conta do desnortado que
está o PP a nivel nacional e a nivel local. Se o PP cre que hai unha
apropiación, só ten que estar quieto porque a cesión de remanentes é
voluntaria”.
López Bueno afirma que os remanentes “son cartos aforrados que agora
mesmo están paralizados pola Lei Montoro” e explica que “o sistema de
cesión permite asumir gastos xerais coa devolución deses remanentes” e
ademais “permite acceder a 5.000 millóns de euros a maiores que poñerá o
Estado, e permite entrar no reparto do Fondo para a reconstrución que
traerá 140.000 millóns de euros a España”. O voceiro sentencia que “non
está nada mal”.

Critica ademais que “o PP non acompañe a moción cun informe de
Intervención que determine que é o que máis lle convén á Estrada, ceder ou
non” e razoa que “seguramente aos estradenses lles conveña poder asumir
gastos xerais con cargo a uns remanentes que agora están bloqueados pola
Lei Montoro”. Remarca tamén que “é o momento de tomar decisións” e cre
que o goberno municipal debe ser coherente, “se presentan esta moción,
non sería normal que despois se acolleran ao sistema”.
O líder socialista manifestara que o sistema de cesión non é a alternativa
que máis o convence, e que el apostaría por unha reforma da Lei Montoro
que “permitira aplicacións directas do remanente de tesouraría para
afrontar gastos xerais derivados da pandemia, con especial atención nos
servizos sociais e nas medidas de prevención e desinfección”.
A pesar da súa posición, López Bueno explica que “o certo é que a cesión
dos remanentes é a única fórmula legal que permite obviar a Lei de
Estabilidade Orzamentaria aprobada polo PP”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta