O PSOE PRESENTA UNHA PROPOSTA DE PROTOCOLO COVID PARA AS INSTALACIÓNS MUNICIPAIS

O PSOE da Estrada rexistrou na tarde de onte unha moción
para a elaboración dun protocolo covid-19 para a utilización e desinfección
de locais e instalacións municipais. Segundo Luis López Bueno, o obxectivo
desta proposta é “darlle garantías ás asociacións e clubes deportivos, para
que poidan continuar desenvolvendo actividades cumprindo todas as
garantías sanitarias”.
O voceiro socialista denuncia que “o Concello non foi capaz de elaborar un
protocolo para o uso das súas instalacións. Unicamente hai unha serie de
precaucións, pero son absolutamente insuficientes” e por iso defende a
necesidade dun protocolo “claro, exhaustivo e operativo”. Recórdalle a
Óscar Rancaño que el é o concelleiro titular de Sanidade e que “esta
proposta debería facela o goberno”.
Na súa proposta, os socialistas consideran fundamental que o Concello
utilice a súa capacidade económica e negociadora para ampliar o Seguro de
responsabilidade civil sobre as actividades que se realicen en instalacións
municipais “porque é a única maneira de manter esas actividades”. Aínda
así, advirte de que “habería que buscar a maneira de amplialo a outras
instalacións que están fóra da titularidade do Concello: locais sociais das
parroquias, etc.”.
López Bueno considera “inviable” que cada asociación ou clube nomee un
responsable “porque ninguén quere asumir os riscos, é unha decisión
totalmente normal”. Por iso ve chave “descargar ás directivas das posibles
responsabilidades económicas” que deriven dunha incidencia relacionada
coa pandemia. O líder pensa que cos medios dispoñibles agora mesmo
“ninguén pode garantir que non se producirá un contaxio, aínda que se
cumpran todas as normas”.
O voceiro socialista si que propón nomear a un “responsable de aplicación
das medidas”, con comunicación directa co Concello e que terá a labor de
supervisar que se cumpran as medidas “pero en ningún caso tería
responsabilidades económicas polo que poida pasar”. Agora ben, se o
Concello constatara o incumprimento das medidas, a asociación ou clube
perdería o dereito a utilizar as instalacións.
A proposta socialista prevé delimitar os aforos nos locais parroquiais,
instalacións do Concello e recintos deportivos. Para iso solicita un informe
no que recolla unha relación de locais e as súas capacidades “respectando
as distancias de seguridade”. Para a práctica deportiva encargará un
informe dos técnicos municipais semellante “que valore o aforo das


instalacións para a práctica de deporte de forma individual” tendo en conta
o tipo de instalación e o deporte que se pretenda practicar.
Tamén propón unha serie de medidas de desinfección que deberán aplicarse
ao rematar as actividades, e sería o Concello o que garantira a presenza de
medios suficientes para aplicar os protocolos, (xeles desinfectantes,
aerosois, panos e calquera material que sexa necesario). Ao finalizar esas
tarefas, o responsable deberá asinar unha folla de mantemento que servirá
para facer seguimento das desinfeccións.
López Bueno reclamará a presenza dos técnicos municipais competentes e
tamén do Xefe de Servizo do Centro de Saúde da Estrada “para que fagan
as súas achegas”, porque recorda que a súa proposta “é un documento de
traballo que está aberto a modificacións”. A pesar do carácter inicial da
proposta considera que “é unha base moi sólida sobre a que comezar a
traballar” e estima que “debería ter unha versión definitiva e aprobada
canto antes”.

MOCIÓN SOBRE A ELABORACIÓN DUN PROTOCOLO COVID-19 PARA
UTILIZACIÓN E DESINFECCIÓN DE LOCAIS E INSTALACIÓNS MUNICIPAIS, E
OUTRAS MEDIDAS.
De acordo co previsto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime
Xurídico das Entidades Locais e demais normativa de aplicación, o Grupo Municipal
Socialista do Concello da Estrada desexa someter á consideración do Pleno a
seguinte MOCIÓN:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A pandemia da COVID-19 obriga ao cumprimento de medidas de distanciamento
social e a reforzar as medidas de hixiene en todos os ámbitos da vida diaria. Estas
novas costumes tamén se aplican na vida social dos veciños e veciñas, polo que
devén necesario que o Concello da Estrada marque unhas pautas mínimas á hora
de utilizar instalacións cuxa titularidade lle corresponde ao Concello.
Esas obrigas débense recoller nun protocolo que sexa coñecido e compartido polos
usuarios, por iso é necesario que se lle dea a publicidade pertinente e conteña
medidas sinxelas de aplicar pero operativas para garantir a seguridade.
A ausencia dun protocolo común a todas as instalacións faría que as instalacións
non se puideran utilizar pola incerteza sobre o cumprimento da hixiene e o
distanciamento social, e paralizaría a actividade das decenas de asociacións, clubes
e veciños/as que dinamizan a vida do Concello valéndose de instalacións
municipais.
Ademais diso, hai un problema coa exposición a responsabilidades económicas por
parte dos responsables da organización de actividades. Na práctica, establecer un
responsable elimina a vontade de realizar actividades, por iso é necesario que o
Concello ofreza cobertura (cando menos nas responsabilidades económicas que
poidan derivar) para as asociacións e clubes (con sede social no Concello da
Estrada).
Polo exposto, o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE somete á consideración do Pleno
esta MOCION, para que este adopten os seguintes ACORDOS:
1. Iniciar na semana inmediatamente posterior á aprobación dos acordos polo
Pleno o procedemento para ampliar a cobertura do Seguro de
Responsabilidade Civil para que ofreza cobertura sobre aquelas
responsabilidades que poidan derivar da situación de pandemia, e
responda das eventuais responsabilidades ás que poidan estar
expostas as asociacións/clubes polas actividades que se leven a cabo
nos locais/instalacións municipais.
O seguro daríalle cobertura tamén ás entidades/veciños/as que
desenvolvan as súas actividades en instalacións municipais,
GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA
descargando así aos seus directivos/socios/deportistas de posibles
responsabilidades económicas.
2. Iniciar na semana inmediatamente posterior á aprobación dos acordos polo
Pleno o procedemento elaborar unha relación de locais/instalacións de
titularidade municipal que contemple a súa superficie e determine o número
máximo de persoas que poden acceder ao local/instalación para o
desenvolvemento de actividades.
3. Dotar a todos os locais/instalacións de Puntos de desinfección e medios
suficientes para o cumprimento das medidas de hixiene e desinfección polos
usuarios.
4. Iniciar na semana inmediatamente posterior á aprobación dos acordos polo
Pleno o procedemento para a elaboración dun informe sobre as instalacións
deportivas municipais e o número máximo de deportistas que poden acoller
para a práctica deportiva, tendo en conta o mantemento en todo momento da
distancia de seguridade, o carácter individual dos adestramentos e o deporte
que se pretenda practicar.
5. Iniciar na semana inmediatamente posterior á aprobación dos acordos polo
Pleno o procedemento para a elaboración dunha relación sobre os
cambiadores nas instalacións deportivas municipais que estableza o aforo
máximo dos vestiarios.
6. Aprobación do Protocolo de utilización e desinfección de locais e instalacións
municipais anexo a esta moción.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta