O PSOE RECLÁMALLE CLARIDADE AO GOBERNO SOBRE A PEONILIZACIÓN DA VILA

O PSOE da Estrada pide claridade por parte do Goberno
local sobre a peonilización das principais rúas do casco urbano. Luis López
Bueno considera “inexplicable” que o Concelleiro de promoción económica
anunciara que se farían enquisas sobre esa posibilidade e onte José López
anunciara que “o proxecto xa está preparado”.
O voceiro socialista reitéralle ao goberno a súa petición de “ser claro”.
López Bueno non entende como é posible mentirlle descaradamente aos
veciños e veciñas dicíndolles que a súa opinión será tida en conta a través
dunha enquisa. “Estamos ante outra mostra do déspota que é López
Campos”, valora.
Ademais considera que o goberno debería dar unha imaxe de unidade, e
non lle parece normal “que o alcalde desautorice publicamente aos seus
concelleiros”. O voceiro socialista ve “desorganización” no equipo de
goberno, e recorda que “López Campos contradí aos seus concelleiros
continuamente, non é a primeira, nin a segunda, nin a terceira vez que
pasa”.
López Bueno pide “claridade”, e asegura que “o goberno xa tomou a
decisión de pechar ao tráfico o centro da vila”. O único que reclama é “que
se digan as cousas como son. Non se pode marear a perdiz e anunciar
consultas que non servirán para nada, porque o proxecto xa está listo”.
Ademais, dende o PSOE local valoran negativamente o que consideran
“unha decisión unilateral de López Campos”. Volven a facer unha chamada
á democracia pedindo unha consulta casa por casa, buzoneando os votos
para que se remitan ao Concello cumprimentados. Para o líder socialista esa
é a única maneira de que “a decisión estea lexitimada e respaldada polos
veciños”.
O socialista ve na enquisa “un paripé que é sinxelo de manipular” e cre que
a negativa do goberno a realizar unha consulta con todas as garantías é
“cobarde”. Alega que “se o alcalde está tan convencido de que isto é o que
queren os veciños, que o someta a votación”.
López Bueno explica que “o asunto da peonilización é de todos os veciños e
veciñas, da vila e do rural” e por iso cre necesario que o goberno local o
tome con seriedade e sen dar bandazos. O líder asegura que é unha forma
normal de proceder por este equipo de goberno e remarca que “non hai
máis que ver a improvisación coa que se pecharon as rúas”, unha situación
que continúa a día de hoxe.

Compárteo!

Deja una respuesta