O PP, en contra de que o Goberno central incaute máis de 5,1 millóns de euros dos aforros da Estrada, Forcarei e Cerdedo-Cotobade

 

Presenta mocións en todos os concellos da provincia e na Deputación de Pontevedra para instar ao Goberno central que non se apropie dos recursos das entidades locais e que sexan os propios concellos quen poidan usar o 100% dos seus remanentes

O Partido Popular denunciou esta mañá na Estrada que o Goberno central quere apropiarse de máis de 5,1 millóns de euros dos aforros dos concellos da Estrada, Forcarei e Cerdedo-Cotobade, de xeito unilateral e sen o consenso cos alcaldes. O alcalde da Estrada e deputado provincial, José López, xunto ao voceiro do grupo provincial do PP, Jorge Cubela, e a voceira do PP de Forcarei, Belén Cachafeiro, lamentaron esta decisión e por iso anunciaron mocións en todos os concellos da provincia e na Deputación de Pontevedra para instar ao Goberno que non se apropien dos recursos das entidades locais, e que sexan os propios concellos os que poidan usar o 100 por cento dos seus remanentes.

 

Así o explicou José López, que definiu a situación como “complicada” para os concellos. “Este decreto é unha chantaxe, unha expropiación encuberta dos recursos dos nosos veciños”, denunciou. Recoñeceu que “nunca esperamos que puidera producirse” e denunciou que “son a única administración intervida polo Goberno central, a pesar de que é a que está máis próxima aos cidadáns e, polo tanto, precisan maior flexibilidade”. De feito, engadiu, “nesta pandemia demostrouse que somos a administración máis inmediata”.

 

López lamentou que no pleno que se celebrou onte pola noite na Estrada, o PSOE e BNG da Estrada votasen en contra desta moción, “a pesar de que non tiña ningún sesgo partidista e o que buscaba era defender os intereses dos veciños e do noso concello”. Pero, sinalou, “o PSOE púxose a camiseta do PSOE e votou en contra; o BNG púxose tamén a camiseta do PSOE,porque son necesarios mutuamente, e polo tanto votou tamén en contra; e Móvete, adoptou a comodidade da abstención en lugar de posicionarse a favor dos veciños”.

 

Por todo isto, o voceiro do grupo provincial, Jorge Cubela, destacou a “oposición firme e contundente” dos grupos municipais e do grupo provincial á aprobación deste real decreto. “É unha chantaxe aos concellos, que sempre reclamamos o uso total dos nosos remanentes”. Nesta liña, recordou que “son máis de 5,1 millóns de euros que poderían destinarse a investimentos, servizos, gasto social ou amortización de débeda destes concellos”.

 

Cubela tamén lamentou a ruptura do consenso dos alcaldes na Femp, “que propiciou Abel Caballero ao plegarse aos intereses de Pedro Sánchez e cun cheque en branco ao Goberno PSOE e Podemos en lugar de defender os intereses do municipalismo”.

 

Pola súa parte, a voceira local do PP de Forcarei, Belén Cachafeiro recordou que “estes aforros son dos concellos, conseguidos grazas á boa xestión e ao esforzo”. Así, insiste en que non ten sentido que coa importancia que terían eses remanentes para os propios concellos, para dar servizos fundamentais para os veciños e para asumir todos os incrementos de gasto que está provocando a Covid, o Goberno central decida levalos de xeito unilateral.

 

Proposta

 

Os populares solicitarán o apoio expreso dos concellos e da institución provincial ao recurso de inconstitucionalidade que o Grupo Popular no Congreso dos Deputados presentará contra a Real Decreto-Lei 27/2020 para defender os intereses de todas as entidades locais e os aforros dos veciños e veciñas, así como o seu rexeitamento ao procedemento negociador que o Goberno de España mantivo coa FEMP para chegar a un acordo dese unha «apariencia» de apoio unánime das entidades Locais ao decreto.

 

Así mesmo, instarán a solicitar aos órganos dos competentes da FEMP a reprobación do seu presidente, Abel Caballero, e a mostrar o seu profundo rexeitamento a calquera medida do goberno de España tendente a apropiarse dos aforros acumulados pola cidadanía.

 

A proposta do PP insta o Goberno de España a atender as demandas dos concellos para que poidan dispoñer do 100% dos seus remanentes de tesourería para a loita contra os efectos negativos da COVID-19, levando a cabo para ese efecto as modificacións legais que resulten pertinentes. E en todo caso, a respectar e garantir a autonomía que a Constitución Española e as súas leis outorgan ás entidades locais para a xestión dos seus recursos.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta