O BNG propón que A Estrada Dixital comercialice acceso a internet a través de fibra e telefonía móbil

Susana Camba: “Sería un salto cualitativo importante para A Estrada Dixital e podería redundar nun abaratamento dos prezos no acceso a internet e na telefonía para os veciños e veciñas da Estrada”

 

Susana Camba, portavoz municipal do BNG, e Clara Iglesias, representante da organización nacionalista na Fundación Cultural A Estrada, compareceron en rolda de prensa para dar a coñecer unha proposta para converter A Estrada Dixital en provedor de acceso a internet a través de fibra e telefonía móbil.

A concelleira do BNG explicou que “A Estrada Dixital ten unha experiencia acumulada de máis de 13 anos como provedor de acceso a internet a través de Wifi e pensamos que esta entidade que depende da Fundación Cultura A Estrada, está en disposición de dar un salto cualitativo importante para este proxecto que naceu en 2004, ofrecendo fibra e telefonía móbil aos veciños e veciñas da Estrada, dous dos produtos máis demandados hoxe en día no mundo das telecomunicacións”.

“Evidentemente non estamos a propoñer que A Estrada Dixital espalle a súa propia infraestrutura de telecomunicacións”, explica Susana Camba, “sería o ideal, mais iso é inasumíbel; porén si é posíbel facelo como operador virtual de telecomunicacións, unha figura moi estendida entre as empresas provedoras de acceso a internet e telefonía móbil, que alugan as infraestruturas ás grandes operadoras para ofrecer os seus servizos. É dicir, A Estrada Dixital tería que negociar as condicións de alugamento con algunha das grandes operadoras para ofrecer estes servizos no noso concello”.

A portavoz municipal do BNG, Susana Camba, afirmou que “a parte de reforzar o proxecto de A Estrada Dixital, que ampliaría de xeito importante os servizos que presta á veciñanza, cremos que sería positivo para os veciños e veciñas da Estrada, así como para as empresas e comercios, que terían acceso a internet a prezos seguramente máis asequíbeis que na actualidade”. “Temos que recordar”, engade Susana Camba, “que A Estrada Dixital, rexida pola Fundación Cultural da Estrada, é unha entidade sen ánimo de lucro, polo que, descontando os custes de explotación, podería ofrecer acceso a internet e telefonía móbil a prezos moi asequíbeis”.

“Por outra parte”, explica a concelleira nacionalista, “no BNG cremos que tamén pode ser unha oportunidade para que o acceso por fibra chegue a todo o rural; non nos podemos conformar con que chegue ao 51% dos núcleos, ten que chegar ao 100% dos veciños e veciñas do rural do noso concello”. “A maiores”, engade, “tamén cremos que pode ser unha oportunidade para mellorar a cobertura da conexión 4G no rural, moi deficiente e cunha velocidade de conexión que dista moi lonxe da que se pode rexistrar na vila”. “Neste sentido”, afirma Susana Camba, “coido que é o momento de sermos ambiciosos; estamos no momento no que se está implantando o 5G, que amplía de xeito notábel as prestacións no acceso a internet móbil e cremos que A Estrada ten que volver ser referencia, ten que ser novamente referencia do mundo dixital, o que podería ser unha aliciente para o asentamento de empresas, iso si, unha medida que ten que estar acompañada doutras medidas como pode ser ampliación do solo industrial público, por exemplo”.

Esta proposta será analizada na vindeira reunión do padroado da Fundación Cultural A Estrada. Así o explicou a representante do BNG, Clara Iglesias, que explicou que “é unha oportunidade para afianzar e enriquecer o proxecto de A Estrada Dixital, que ten nas súas costas máis dunha década de traballo, valorado e recoñecido no noso concello; neste sentido, cremos que esta proposta é positiva para os veciños e veciñas, porque entendemos que podería abaratar e mellorar a conexión a internet, nun intre no que é imprescindíbel para o traballo e para a educación”.

Por último, a concelleira do BNG, Susana Camba, explicou que “rexistraremos e defenderemos esta proposta no seo do padroado da Fundación, mais está nas mans do PP, xa que é quen ten a maioría neste organismo”. “De ser aprobada”, engadiu, “agardamos que non se tarde ano e medio en poñela en funcionamento, como aconteceu coa proposta do BNG da plataforma de venda on-line para o comercio local, que se presentou hai poucos días, e aínda en fase beta”. “Estamos nun intre no que os cambios estanse a producir de xeito moi rápido, e pensamos que A Estrada non está para perder o tempo, non é o momento de meter as propostas nun caixón, senón para estudalas, analizalas e poñelas en marcha se é o caso”, afirmou.

Compárteo!

Deja una respuesta