O PSOE SOLICITA QUE O CONCELLO EQUIPE AOS ESTUDANTES CON 2.500 KITS ANTI COVID 19

 

O PSOE da Estrada propón equipar aos estudantes dos
centros de ensino da Estrada con kits anti covid 19. Luis López Bueno
considera fundamental que o Concello facilite o cumprimento das normas de
prevención e eleva esta proposta á área de Educación por dous motivos
fundamentais, “velar pola seguridade nas aulas e descargar ás familias do
custo destes elementos de prevención”.
A proposta socialista prevé dotar a cada alumno dun kit composto por dúas
máscaras reutilizables, un porta máscaras e un xel desinfectante para o uso
individual por cada alumno. López Bueno valora que “para o inicio do curso
sería suficiente, segundo o tipo de máscara pódense reutilizar ata en 20
usos, e os xeles son para usos esporádicos cando non haxa posibilidade de
utilizar os dispensadores dispostos nos centros, polo que os kits terían unha
duración aproximada de dous meses”. Tamén lle parece oportuno que “se a
iniciativa ten éxito, habería que ir repoñendo os kits a medida que rematara
a súa vida útil”.
López Bueno ve “suficientes” 2.500 kits para atender a todos os estudantes
do Concello, tanto de educación infantil e primaria (1.353), secundaria
(entre 650 e 700) e o alumnado de formación profesional en todos os seus
niveis. Os kits entregaríanselle aos centros para que eles mesmos fixeran o
reparto entre os alumnos.
Dende o PSOE advirten que unicamente rexistraron unha proposta porque
“non ten sentido reunir á comisión de educación para aprobar unha
iniciativa deste estilo, o importante é ser áxiles e que se faga canto antes”.
Ao voceiro parécelle “razoable” que o Concello se faga cargo dese material
para que chegue ás familias, porque a situación económica é “delicada” e
este ano “a costa da volta ao cole é máis empinada ca nunca”. Ademais pon
como exemplo o caso de familias numerosas “que acusan moito máis os
gastos desta época do ano”.
López Bueno tamén valora que os esforzos dos centros de ensino están
sendo “ímprobos” e acusa á Xunta de Galicia de “inoperancia”. Opina que a
Consellería de Educación descargou a súa responsabilidade nos equipos
directivos dos centros “sen dotalos de máis recursos nin máis persoal” e cre
que “se a volta ao cole está sendo ordenada é grazas ao persoal, non á
xestión da Consellería”.
O líder socialista considera como “insuficientes” os compromisos do
Goberno local cos centros de ensino, que se traducen en “tres horas de

desinfección pola mañá”. Considera que “tantos os docentes como o persoal
de limpeza están realizando esforzos persoais para reducir ao mínimo o
risco de contaxio. Esas tres horas a maiores non resolven practicamente
nada”, e critica a “inacción” de López Campos diante da Xunta de Galicia
“están cargando de responsabilidades aos Concellos e non achegan recursos
para asumilas”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta