LÓPEZ BUENO CARGA CONTRA A “DECISIÓN UNILATERAL” DE PEATONALIZAR O CENTRO DA VILA

O PSOE móstrase crítico co anuncio da peatonalización
do centro do casco urbano estradense. Para Luis López Bueno trátase dun
anuncio “precipitado” e destaca que “agora mesmo non hai ningún proxecto
sobre a mesa nin informes técnicos que determinen cales van a ser as
consecuencias concretas para a mobilidade e para o comercio”.
O voceiro socialista cualifica de “tiranía” a situación que viven os veciños e
veciñas, sobre o que valora “que esta actuación ten a base na decisión
dunha persoa que se pensa que el é A Estrada”. Considera “intolerable” que
o rexedor “mentira” cando afirmou que se farían enquisas para pulsar o
sentir dos veciños e veciñas. Como tantas outras veces toma unha decisión
“a traizón”, porque se comprometera a consultar aos veciños e veciñas pero
finalmente “di unha cousa e fai a contraria”.
López Bueno tira de hemeroteca para retratar os “bandazos” do alcalde: “en
2014 estableceuse unha zona azul para favorecer o movemento dos
vehículos nas rúas interiores do casco urbano. O argumento que esgrimía o
goberno era que o comercio sairía beneficiado da rotación no
estacionamento. Resulta que agora o alcalde pensa que ao comercio lle
convén pechar a cal e canto o centro da vila. É un absoluto despropósito.
López Campos non ten ningún plan para o futuro da vila e corre cara
adiante coma un polo sen cabeza”.
López Bueno tamén destaca que durante a campaña electoral, López
Campos dicía que a peatonalización era imposible mentres non estivera lista
a variante e pregúntase “que pasou agora? Por que non se presentou á
alcaldía con isto no programa electoral?” mentres tacha ao alcalde de
“cobarde” ao declinar unha votación de todos os veciños e veciñas: “tenlle
medo ás urnas”, sentencia o socialista.
O líder socialista pon en tela de xuízo os beneficios que poida ter para a
vida na Estrada “a rúa Calvo Sotelo é ancha e non hai problemas de
convivencia entre os peóns e os vehículos. Ademais os veciños e veciñas
que residen na vila xa mercan sen utilizar os coches” e céntrase na
situación que van a padecer os veciños do rural: “os aparcamentos
disuasorios fan unha labor de desconxestión que non se pode deixar de
lado, pero tanto ten que ao alcalde lle pareza que as zonas de aparcamento
estean preto da zona comercial, a quen llo ten que parecer é aos veciños
que van a mercar na vila”.

Anunciaron tamén que solicitarán un informe económico que determine o
impacto que pode traer este proxecto para o comercio local, e tamén
estudarán os informes que se acheguen segundo avance o procedemento.
López Bueno tamén remarca que o proxecto de peatonalización “irá
acompañado doutra obra de grande orzamento” mentres que o rural está
“completamente abandonado” pola política de “investimento cero” nas
parroquias. “É unha tomadura de pelo” opina López Bueno, que considera
que o PP mira tan só pola vila mentres as parroquias “viven no terceiro
mundo”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta