LÓPEZ BUENO AFIRMA QUE O ACORDO SOBRE A AUTOVÍA RESPONDE Á “PROMOCIÓN PERSOAL” DA NOVA DELEGADA DO GOBERNO EN PONTEVEDRA

 

 

AUTOVIA AG-59 SANTIAGO-A ESTRADA

O PSOE da Estrada valora negativamente a posta de largo da nova Delegada da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra. López Bueno considera que os anuncios que se fixeron onte “responden á promoción persoal de María Luisa Piñeiro”.

 

O líder socialista cre “milagroso” o novo custo de execución anunciado onte tanto por José López como pola Delegada, “se o proxecto se mantén con modificacións nos accesos e os custos descenden máis dun 50 %, non entendo como non se propuxo antes”. En calquera caso, tamén considera “claramente negativo” que se eliminen os accesos en dobre sentido.

 

O concelleiro alerta de que aínda que isto fora certo, “os orzamentos da Xunta son clarísimos” sobre cal é a previsión económica para esta infraestrutura, e sentencia que “as obras non empezarán antes do 2023”. Contrapón as previsións nos últimos anos “con dotacións de 1,5 ou 2 millóns de euros” á execución coa que acaban esas partidas: “cero euros”. Visto o panorama dos últimos anos “non cremos que vaia a cambiar a marxinación política da Xunta respecto do Concello da Estrada”.

 

López Bueno valora estas declaracións como unha “patada cara adiante” que busca enganar aos veciños e veciñas, “non se están facendo esforzos de verdade por sacar adiante esta infraestrutura”. Ademais opina que calquera declaración que fagan a Xunta ou o alcalde “carecen de credibilidade” porque isto se semella moito a unha fábula de Esopo “a autovía é o lobo e o alcalde é o pastor, ninguén o cre de tanto que o anunciou”. Remarca que “de cando en cando aparece este asunto, pero nunca se acaba concretando en realidades”.

 

O QUE NON HAI    

 

López Bueno considera que “é tan importante o que hai nas declaracións como o que non hai”. O voceiro socialista refírese a débedas que a Xunta mantén coa Estrada, como por exemplo o Polígono Industrial de Toedo. O líder socialista amósase “sorprendido” porque a María Luisa Piñeiro “non dixera nada sobre este asunto”.

 

Declarou que “a Xunta está condenando á desaparición ao sector industrial da Estrada”  e considera “absolutamente prioritario” e “inaprazable” acometer o desenvolvemento da parte pública do Polígono Industrial.

 

Asimesmo tamén considera “desatinado” que non haxa declaracións sobre os viais PO-123 e PO-214 que “precisan actuacións urxentes” porque non se cumpren os anchos de vía aos que obriga a lei e “son un risco evidente para os condutores que circulan por elas”.

Compárteo!

Deja una respuesta