O noso concello ten tantas carencias, que pensamos que o importante é actuar sobre o prioritario

Se os fondos EDUSI limitan o campo de actuación do goberno municipal a aqueles espazos urbanos especialmente deteriorados, está claro que a Praza da Feira ou a Rúa Calvo Sotelo non encaixan dentro dese criterio

 
O goberno municipal do PP ten a teima de obrar sobre espazos nos que xa se actuou recentemente. Coa remodelación da Alameda, o goberno do PP arrasou coa pedra que catorce anos antes colocara tamén o PP, sendo López concelleiro. Agora volve actuar sobre a Praza da Feira, un espazo, que no caso de querer peonalizar pode facerse mañá mesmo sen necesidade de gastar un só euro. E por se fose pouco, o alcalde solta o globo sonda da peonalización da Rúa Calvo Sotelo, un espazo no que tamén recentemente tivo unha remodelación importante, que fai tamén innecesario gastar un só euro no caso de querer acometer unha peonalización da rúa. Como dixemos, actuar sobre o xa feito é o doado, o difícil é ter unha visión de conxunto das carencias do noso concello e ter un proxecto claro para actuar en consecuencia.

Se os fondos EDUSI limitan o campo de actuación do goberno municipal a aqueles espazos urbanos especialmente deteriorados, está claro que a Praza da Feira ou a Rúa Calvo Sotelo non encaixan dentro dese criterio. A día de hoxe hai moitas rúas que necesitan un lavado de cara importante como por exemplo a Rúa 25 de Xullo, convertida nun funil; a Avenida de Santiago, camiño obrigado para os camións que deterioran reiteradamente o asfalto; a Avenida de América e calquera das súas transversais, a Rúa Varela Buxán ou calquera das travesías de Fernando Conde, a Rúa do Matadoiro, a Avenida da Torre, a Rúa do Muíño, etc, etc, etc. Como se pode observar, sobra onde facer actuacións, mais o PP volve sempre sobre os seus pasos, actuando sobre o xa feito.

Desde o BNG cremos que o noso concello, e en concreto a vila, ten tantas carencias, que pensamos que o importante é actuar sobre o prioritario. E así como as casas empezan facéndose polos cementos, non polo tellado, o prioritario é desconxestionar o tráfico do centro antes de acometer peonalizacións, que o único que farían é aínda máis complicado a circulación pola vila.

Neste sentido, desde o BNG reiteramos a necesidade de abrir novas rúas, en concreto: prolongación da Rúa 25 de Xullo até as Colonias; prolongación da Rúa Antón Losada até a estrada de Pontevedra completando unha vía de circunvalación entre as colonias e o Pedregal; apertura da vía entre a estrada de Forcarei no entronque coa estrada de Ouzande e a avenida de Pontevedra conectándoa coa Rúa Fermín Bouza Brei. Estas propostas unha vez executadas, completarían unha trama viaria que contribuiría a desconxestionar o tráfico polo centro da vila e conformar un novo espazo urbano. Ademais, dotar a vila de máis zonas de aparcadoiro en superficie e mellorar e humanizar as existentes, así como de zonas verdes e zonas de esparexemento dispersas pola vila.

Isto son actuacións que o goberno municipal pode acometer, que son responsabilidade súa, só tería que buscar o financiamento para executalas. Outras, como a Variante, imprescindíbel para sacar o tráfico do centro da vila, depende da presión política do goberno municipal, mais tamén dos axentes sociais e sectoriais, que deberían facer unha fronte común para que esta infraestrutura sexa unha realidade.

E xa por último, un goberno municipal que goberna por maioría absolutísima como este do PP, debería ser quen de definir A Estrada do futuro, porén, o único que fai é ser o axente comercial de empresas privadas que son as que se encargan de deseñar o noso concello, en función dos seus intereses privados, non das nosas necesidades e carencias. IDOM co EDUSI, Mercadona, a residencia de maiores, son só exemplos que confirman que na Estrada o PP é o monicreque das empresas privadas.

Compárteo!

Deja una respuesta