O PSOE CONSIDERA UNHA FRIVOLIDADE A INSTALACIÓN DE BAÑOS “INTELIXENTES”

O PSOE estradense considera “unha frivolidade” a
instalación de baños intelixentes no entorno dos xardíns municipais. O líder
socialista, Luis López Bueno cualifica este proxecto de “un despilfarro sen
precedentes que obedece á ansia de protagonismo do alcalde”. Tamén
asegura que non é momento de excentricidades, “estamos na segunda onda
dunha pandemia, penso que hai asuntos máis prioritarios aos que destinar
os cartos”.
Para o voceiro socialista “é evidente que se precisan baños”. Apunta a que
deberían estar contemplados no proxecto inicial, pero pensa que o custo
duns baños como os que se propoñen é esaxeradísimo. Segundo a
definición que se dá, os baños terán funcións absolutamente prescindibles –
como o wifi e o contador de usos -, que non teñen unha utilidade real, e
que traerán dores de cabeza cando precisen mantemento.
O líder socialista ve moito máis acaído que se instalen uns baños “normais”
e que estean “ben atendidos”, porque por moi intelixentes que sexan os
baños “o mantemento que requiren é semellante ao duns baños
tradicionais”. Insta ao goberno municipal a que se centre nas necesidades
dos veciños e das veciñas en vez de “preocuparse tanto pola foto”. O
socialista considera “superfluo” que os baños teñan wifi, e dubida de que o
sistema de desinfección sexa operativo “porque os baños serán moi
intelixentes, pero non desinfectan superficies, nin repoñen o papel, nin
pasan a fregona”.
O voceiro apunta a que este goberno sumará 84.000 euros tirados ao lixo
en “cuestións inútiles na alameda”, como os puntos de recarga de teléfonos
“que non utiliza ninguén” pero que “serviron para alimentar a empresas
alleas ao Concello da Estrada e próximas ao goberno”.
López Bueno considera que este asunto sería un tema menor se non fora
polo seu custo “desorbitado”, e cre que o feito de “dilapidar” 70.000 euros
dos estradenses retrata a un goberno “superado pola pandemia da Covid19”. Admite que modera o seu tono “por responsabilidade” e para evitar a
crispación política nun momento coma este, pero non pode permitir que o
goberno local “faga e desfaga” mentres os veciños e veciñas sofren as
consecuencias da pandemia: “É paradóxico que uns baños custen máis que
as políticas de axuda a comerciantes e hostaleiros” sentencia o socialista.
Dende o PSOE consideran que o goberno local debería empregar eses
70.000 euros na “reorganización” que o PP prometera dos fondos EDUSI, e
da que aínda non se sabe nada. López Bueno considera que tiña razón ao

criticar a contratación dun estudo sobre as medidas para a recuperación
económica, “López Campos entregoulle 14.000 euros a uns amigos para
non ter que tomar decisións, e o informe que debería ofrecer resultados en
xullo aínda non está entregado”, á vez que afirma que “as cousas non se
fan así”.
Ademais, en caso de que o goberno pretenda seguir adiante con este
disparate, instan a solicitar información da rede de cidades intelixentes para
que ofreza outros instrumentos de financiamento. Dese xeito liberaríanse
70.000 euros para atender “necesidades reais” dos veciños e veciñas.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta