O PSOE VALORA NEGATIVAMENTE UNHA CONTA XERAL QUE DEIXA UN RESULTADO NETO DE -680.000 EUROS

O PSOE da Estrada valora negativamente a Conta Xeral
que levará a Comisión Informativa de Facenda o Goberno Local. A análise
dos números é moi clara, “o resultado neto do exercicio 2019 trouxo perdas
por valor de 680.000 euros” garante Luis López Bueno.
O líder socialista explica que os datos que ofrece o goberno local “están
apoiados en meros axustes contables” que salvan un exercicio “terrible”
para as arcas municipais. Ademais, volve a criticar o traballo do Concelleiro
de Facenda, que un ano máis elaborou un orzamento que non se parece en
nada ao que rematou executándose.
Para os socialistas a conta xeral é a confirmación da mala xestión
económica do goberno do PP, que foi incapaz de manterse dentro da
legalidade, (incumpriu a Lei de Estabilidade Orzamentaria). Ademais, eses
incumprimentos producíronse sen que os veciños e veciñas viran
aumentados os servizos que gozan nin deixaran arranxado o problema de
infraestruturas no rural.
O grao de execución do orzamento no 2019 foi do 78,10 % (17,8 millóns de
euros), un 10 % máis ca no exercicio 2018. O líder socialista criticara o
escaso grao de execución das contas pasadas, recibindo resposta por parte
de Alberto Blanco: era imposible executar máis porque existían proxectos
plurianuais. “Pois as milagres existen, en ano electoral a execución
dispárase e os investimentos reais suben 2 millóns de euros. Incrible”
valora con sorna López Bueno.
De feito, critica que o PP xogue cos cartos dos veciños e veciñas. Advirte ao
goberno local de que “non vale todo” porque os fondos que xestionan son
de todos os estradenses, e vendo as actuacións que fixo o goberno no
2019, “parece que eses cartos son só de uns poucos agraciados” que gozan
do favor do equipo de goberno.
Para o líder socialista as contas deixan clara a principal crítica que o PSOE
lle fai ao Goberno municipal: só traballan o ano antes das eleccións. Os
orzamentos pasados son raquíticos en comparación con este, e todo se
debe á vagancia dun goberno municipal que se ri dos veciños e veciñas.
Sobre os remanentes, López Bueno explica que “son cartos que o goberno
foi incapaz de gastar”, e valora que “xerar millóns de euros en remanentes
fala moi mal da capacidade de xestión dun goberno”. O voceiro considera
que “eses cartos estarían mellor empregados en investimentos que dentro
de contas bancarias”.

A ese propósito, o socialista celebra a iniciativa do Goberno central de
permitir o uso dos remanentes dos Concellos e suspender o cumprimento
de diversas regras fiscais, “vai na liña que defendín dende o principio”,
comenta. Considera que no 2021 se deben utilizar eses cartos que ata
agora eran improdutivos en acometer investimentos importantes para os
veciños e veciñas, como os patios cubertos que o PSOE proporá para todos
os centros de primaria.
Para rematar, López Bueno cre que a situación “podería ser peor” se o
goberno depurara os créditos de dubidoso e imposible cobro, que
representan o 7% dos orzamentos que aproba o goberno local. Nas contas
hai un millón de euros que o Concello non cobrará nunca e que continúan
falseando as contas locais, e que Intervención pide “depurar” ano tras ano.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta