CINCO CENTROS ESCOLARES DE DEZA E TABEIRÓS PARTICIPAN NESTE CURSO NO PROGRAMA ‘BIBLIOTECA CREATIVA’, PARA FOMENTAR A INVESTIGACIÓN E APRENDIZAXE

O CEIP Pérez Viondi da Estrada é un dos dez centros da provincia recén
incorporados ao proxecto, que se mantén en Figueiroa, O Foxo, Ramón de
Valenzuela e Cerdeiriñas.

 A través desta iniciativa dirixida a infantil e primaria búscase familiarizar aos máis cativos coa robótica e a linguaxe de programación.
 A Consellería aporta os recursos necesarios, que inclúen a dotación de
pequenos robots, os Escornabots, cos que o alumnado pode realizar as
actividades

– Un total de 39 centros educativos da provincia de
Pontevedra −dez deles de nova incorporación e outros 29 que renovan a súa continuidade− participan neste curso no programa Biblioteca Creativa da Xunta de Galicia que ten por obxectivo impulsar, desde a biblioteca escolar, un espazo creativo de aprendizaxes no que o alumnado poida experimentar e investigar con todo tipo de recursos; e para o cal a
Consellería de Cultura, Educación e Universidade aporta os recursos necesarios.
Así, segundo a resolución publicada no Portal Educativo, no conxunto de Galicia haberá este curso un total de 102 centros educativos de infantil e primaria incorporados ao proxecto (25 deles de nova incorporación e outros 77 que renovan a súa continuidade). Por provincias, na
Coruña haberá un total de 38 centros adheridos (10 novos e 28 que renovan), en Lugo 14 (tres novos e 11 que renovan), en Ourense 11 (dous novos e 9 que renovan) e en Pontevedra 39 (10 novos e 29 que renovan).
Esta iniciativa, −integrada no Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares (PLAMBE)−, busca estimular a iniciación do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe de programación a través de actividades manipulativas e outras, programadas desde a biblioteca escolar, mediante a utilización de pequenos robots, os Escornabots, deseñados
dentro dun proxecto de hardware libre, cunha evolución aberta á comunidade. A través disto búscase ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple, o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a
investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.
Dotación de recursos
Todos os centros de nova incorporación seleccionados reciben directamente no centro os materiais para montar os Escornabots que se incorporan á biblioteca.

Os 77 centros que renovan a súa participación reciben unha asignación para ampliar o
proxecto, ben sexa coa dotación dun recuncho creativo dentro da biblioteca con recursos de robótica e impresión 3D; coa adquisición de materiais que faciliten a investigación, a experimentación e a creación de forma creativa, ou a través da formación do alumnado a través de obradoiros relacionados coa creación audiovisual ou outros ámbitos relacionados co programa impartidos por profesionais do eido.
No caso dos centros con un ano de antigüidade no programa, a asignación vai destinada á adquisición dos medios necesarios para introducir a impresión 3D no recuncho creativo da biblioteca escolar. Pola súa parte, para os centros con dous anos de presenza no programa,
a asignación destínase á adquisición de materiais que faciliten a investigación, a experimentación e a creación de forma colaborativa, configurando un ‘espazo creativo’ diverso e axeitado aos intereses da comunidade educativa e ás finalidades do centro;
mentres que os centros con tres anos de presenza en Biblioteca Creativa deberán destinar a asignación que reciban da Consellería á formación do alumnado coa realización no propio centro, de obradoiros relacionados coa creación audiovisual ou de calquera outro ámbito presente no ‘espazo creativo’, a experimentación, a robótica, a programación etc., impartidos
por profesionais ou persoas experimentadas en cada ámbito. Estes obradoiros poderán ter formato presencial, se as circunstancias sanitarias así o permiten, ou telemático.
No caso dos centros con catro anos de presenza no programa, a asignación deberá destinarse á formación do alumnado coa realización no propio centro de obradoiros e actividades relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030;
actividades que deberán ter como referencia o “espazo creativo” da biblioteca.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta