Agradecemos o recoñecemento do premio San Martiño que se fai á Asociación Cultural “Vagalumes” polo seu labor a prol da normalización lingüística.

Agradecemos o recoñecemento do premio San Martiño que se fai á Asociación Cultural “Vagalumes” polo seu labor a prol da normalización lingüística. Non tanto polo recoñecemento aos membros da nosa entidade como á causa pola que existimos e os obxectivos que nos propoñemos de defensa da nosa lingua, o noso patrimonio e a nosa memoria histórica. Para nós que se valore e se recoñeza este tipo de actividade nestes momentos de persecución do galego é positivo e deixa en evidencia as políticas de exterminio que estamos a sufrir.
A Asociación Cultural “Vagalumes” naceu no seu momento no seo da plataforma “Queremos Galego!”. Esta Plataforma xurdiu como resposta ás agresións que desde o goberno galego se desataron contra a nosa lingua das cales un Decreto no que, entre outros agravios, se prohibía o seu uso nas aulas das materias científico-técnicas, para nós era un dos atentados máis graves contra o idioma desde o comezo das institucións autonómicas.
É normal que se impida dar aulas nun país no propio idioma? Nós consideramos que non. Como non o é que no Concello da Estrada se esixa presentar a documentación en castelán como aconteceu recentemente. E por iso a normalización lingüística é un dos eixes fundamentais da nosa actuación dentro do cal inscribimos  a recuperación e difusión dos nosos escritores inxustamente esquecidos e desprezados.
Outro dos eixes do noso labor é a defensa do patrimonio natural, material e inmaterial da nosa comarca. Tabeirós-Terra de Montes é unha comarca especialmente rica nese patrimonio. Lamentablemente é pouco coñecido e valorado. Nalgúns casos mesmo sofre un desleixo inaceptábel.
E por último o noso compromiso ético coas vítimas do franquismo lévanos a traballar na loita pola verdade, xustiza e reparación nos nosos Concellos. Outra das grandes eivas que temos como sociedade e que xa non é que desde as Administracións Locais se colabore neste sentido senón que mesmo se rende tributo aos represores mantendo nas súas rúas homenaxes aos seus referentes. Por exemplo, no caso da Estrada a rúa principal a Calvo Sotelo ou en Cerdedo a Manuel Gutiérrez Torres.
Este recoñecemento agardamos que serva para contribuír a avanzar como sociedade nestas tres direccións ás que se dedica a nosa asociación. E nese sentido asumimos o devandito premio como un incentivo para seguir a camiñar conxuntamente cos que compartan o noso amor polo país e pola verdade para mellorar a nosa comarca, a nosa Terra e un mundo que cada vez precisa máis do activismo e compromiso da xente.  

Compárteo!

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta