O PSOE PÍDELLE AO PP QUE ORGANICE A XESTIÓN DOS POSITIVOS COVID COS CENTROS DE ENSINO

O PSOE da Estrada pídelle ao PP que organice “dun xeito
profesional” a xestión dos positivos por covid nos centros de ensino do
Concello. A falta de información respecto dos últimos casos rexistrados
entre profesores e alumnos xeraron malestar tanto nos equipos directivos,
profesores como nos pais e nais dos alumnos. O Grupo Municipal socialista
rexistrou na tarde do venres unha solicitude para que o Concello inste á
Xunta a perfeccionar os protocolos de comunicación entre Sanidade,
Educación e os centros.
Luis López Bueno explica que algún centro notificou os casos positivos e non
tivo resposta da Xunta de Galicia “en ningún momento”. O socialista
lamenta que a administración autonómica non actúe dun xeito organizado
para contactar ás escolas e organizar a xestión deses positivos. Apunta a
que a pesar dos cambios continuos no protocolo, os centros fan esforzos
ímprobos e aplícano “con puntos e comas”.
Así, os recentes casos que se están dando nas escolas estradenses están
sendo xestionados polos centros “coa escasa información da que dispoñen”
porque as Consellerías non llela comunican. De feito, son os equipos
directivos, profesores e pais e nais os que están dando os avisos sobre as
aulas nas que se dan casos.
Para o socialista é intolerable que o protocolo non contemple o illamento de
casos sospeitosos de ser positivos dentro das aulas burbulla e que se lles
indique que fagan vida normal. Considera que estas indicacións son
contraditorias, máis aínda cando en algún caso os rastrexadores acaban
chamando ás familias días despois para facer a pertinente PCR.
López Bueno ve unha evidente falta de persoal e “falta de organización” na
propia administración autonómica. “As consellerías non están coordinadas e así é complicado controlar as cadeas de contaxio”. O voceiro socialista
recorda que nas aulas burbulla todos os alumnos deberían ser considerados
contactos estreitos, e por iso reclama a mellora dos protocolos para
“facilitar a comunicación e facer máis eficaz o rastrexo”.
O líder socialista tamén pide axilizar actuacións nos Centros que son
“urxentísimas”. É necesario acometer reformas, instalar cubertas e incluso
ampliar e construír máis accesos para facilitar a aplicación de protocolos de
entrada e saída. “En pleno outono moitos alumnos teñen que esperar á
choiva” recorda.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta