O BNG está en contra da privatización da recollida do lixo

 O noso concello ten un problema coa recollida do lixo, xa o manifestamos en máis dunha ocasión, cuxas consecuencias pagan os veciños e veciñas, en especial do rural, que ven como se amorea o lixo durante días, sen que os servizos municipais pasen a retiralo. Tamén denunciamos en máis dunha ocasión o escaso interese que ten o PP pola reciclaxe e pola compostaxe, que reduciría o custe do servizo de recollida, prefiren levar a SOGAMA nun camión cuxo remolque ten tanta sucidade que xa non se ve o nome do noso concello. En máis dunha ocasión tamén denunciamos o deficiente funcionamento do punto limpo, en moitas ocasións aberto de par en par sen control de ningún tipo.

En maio de 2018 o concello da Estrada renovou a frota de camións de recollida do lixo, cun custe de máis 438.000 abonados con fondos da Deputación de Pontevedra, así como boa parte dos contedores do lixo, chegando a gastar preto de 700.000 euros en total. Logo deste imporante desembolso é inconcibíbel, que non só continúen os problemas co servizo de recollida, senón que o goberno do PP decida privatizalo, deixando esta infraestrutura renovada a unha empresa privada, tirando pola borda os miles de euros de diñeiro público gastado.

Efectivamente, o concello da Estrada ten un problema co lixo, mais a solución non pasa pola privatización, senón por xestionar mellor este servizo básico e imprescindíbel. A solución pasa por dotar de persoal estábel tanto no servizo de recollida, no punto limpo ou na limpeza viaria.

O goberno do PP non pode argumentar que non hai cartos para incrementar o persoal da recollida do lixo e para mellorar o servizo. Cartos hai, o que pasa é que o goberno de López malgástaos en obras faraónicas de dubidosa utilidade social.

O PP presume de xestión, mais desde que chegou ao goberno municipal en 2011 o único que fixo este goberno é desprenderse de servizos públicos. Primeiro foi o servizo de recadación de impostos e taxas, municipalizado na etapa anterior polo BNG, pasou ao ORAL, e agora queren privatizar o lixo. Isto deixa claro que se os servizos non funciona ou funcionan mal a culpa é do goberno municipal do PP e da súa incapacidade para xestionar adecuadamente os servizos públicos.

A isto hai que engadir a barra libre das empresas privadas na Estrada (Mercadona, IDOM, residencia privada), que deseñan o noso concello en base aos seus intereses particulares, mentres o goberno do PP dedícase a aplaudir estas xestións, así como algún partido da oposición.

Semella que ao grupo municipal do PP pésanlle as responsabilidades de goberno, cando recorren reiteradamente á privatización dos servizos públicos, mais o que non lle pensan son os máis de 168.000 euros en dedicacións exclusivas que pagan todos os veciños e veciñas. Se privatizan, se non xestionan os servizos públicos, o lóxico é que tampouco cobren as dedicacións exclusivas.

Por outra parte, unha recollida do lixo privatizada non garante un mellor servizo aos veciños e veciñas. Todo o contrario. Unha empresa privada débese aos beneficios, espremendo os dereitos dos traballadores e traballadoras, por iso non son raros os conflitos laborais neste tipo de servizo, amoreándose o lixo durante días. Exemplos hai abondo.

A privatización tampouco garante un custe económico para o peto dos veciños e veciñas, ao contrario, serán constantes as subidas no recibo de recollida do lixo para garantir o marxe comercial da empresa concesionaria.
 
 

Compárteo!

Deja una respuesta