A Xunta somete desde hoxe a información pública un novo treito de 7,5 quilómetros da autovía Santiago-A Estrada, entre A Ramallosa e o Rollo, que suporá un investimento de 48M€

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada da delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e do alcalde da Estrada, José López Campos, ofrece unha rolda de prensa sobre a autovía Santiago-A Estrada (AG-59).

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou o inicio hoxe do proceso de información pública do estudo de impacto ambiental e da actualización do proxecto de construción dun novo treito da Autovía Santiago-A Estrada. Trátase de 7,5 novos quilómetros desta autovía autonómica libre de peaxe entre A Ramallosa (Teo) e o enlace coa PO-841, no Rollo (A Estrada).

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade ofreceu hoxe unha rolda de prensa xunto coa delegada da Xunta na provincia de Pontevedra, Luisa Piñeiro, e co alcalde da Estrada, na que informou dos avances na prolongación da vía de altas prestacións. Tal e como informou, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe o inicio do proceso de información pública do novo treito da Autovía Santiago-A Estrada (AG-59), que suporá un investimento da Xunta de case 48 millóns de euros.

A conselleira detallou que desde mañá e ata o vindeiro 4 de xaneiro todos os interesados poden realizar as achegas que consideren oportunas, que serán analizadas e tomaranse en consideración cando sexa pertinente.

Precisou que a determinación da Xunta para materializar a prolongación desta autovía libre de peaxe se traduciu na tramitación conxunta de dous subtreitos distintos: entre A Ramallosa e Pontevea (AC-241) e, entre Pontevea (AC-241) e O Rollo (enlace PO-841). E con esa mesma vontade, engadiu, unifícase nun único procedemento a tramitación ambiental, o inicio do proceso expropiatorio restante e a actualización dos proxectos.

Ethel Vázquez destacou que a actualización dos proxectos ten por finalidade adaptalos á normativa vixente, evitar a afección a un castro, que foi cuestionada pola autoridade
competente en Patrimonio Cultural e, ademais, racionalizar o impacto territorial e o investimento.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada da delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e do alcalde da Estrada, José López Campos, ofrece unha rolda de prensa sobre a autovía Santiago-A Estrada (AG-59).

A responsable do departamento de Infraestruturas da Xunta puxo o acento na complexidade técnica da actuación, que require da execución de: 3 novos viadutos, un deles para salvar o río Ulla, 7 pasos inferiores e 3 superiores. Isto supón un investimento da Xunta de máis de 46,5 millóns de euros, aos que deben sumarse os case 1,2 millóns de euros precisos para completar as expropiacións.

Ethel Vázquez sinalou que a Xunta traballa co obxectivo de dispor o vindeiro ano dos proxectos construtivos aprobados e dunha Declaración de Impacto Ambiental que permita licitar as obras. De tal forma que, engadiu, mentres se avanza nos trámites que hoxe se inician, aprobarase tamén o decreto de utilidade pública para a expropiación dos terreos que faltan.

A este respecto, a titular do departamento de infraestruturas avanzou que os Orzamentos da Xunta para o ano 2021 recollerán a partida necesaria e suficiente para cumprir eses obxectivos fixados.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta