O PSOE VATICINA QUE A LICITACIÓN DA AUTOVÍA A SANTIAGO NON CHEGARÁ NO 2021 E AS OBRAS NON SE INICIARÁN CANDO MENOS ATA 2024

O PSOE da Estrada ve insuficientes os recursos
orzamentados pola Xunta de Galicia para cumprir os compromisos que
anunciara sobre a AG-59. Luis López Bueno estima que “non hai orzamento
suficiente” e que o único “real” é a posta en marcha do trámite
administrativo de exposición pública do informe de impacto ambiental,
proxecto construtivo e a relación de afectados polas expropiacións. López
Bueno recorda que estes son “meros pasos administrativos” e que as
expropiacións do tramo ata Pontevea “levan dous anos pagadas” sen que se
produciran avances no proxecto.
A este respecto, recorda que a Xunta xa deixara caducar o trámite de
exposición ambiental que estaba superado, e advirte que “isto pode volver
acontecer”. Tamén recorda que o alcalde anunciara en 2017 que sería o ano
da licitación, “e ao final quedou en nada”. Estas cuestións e a falta de
recursos suficientes no orzamento, levan ao socialista a pensar que
“estamos diante doutra cortina de fume” mentres o alcalde intenta
capitalizar anuncios baleiros da Xunta “sobre os que, ademais, non ten
ningún mérito en particular”.
Para o líder socialista, estes anuncios da Xunta “intentan confundir” porque
xeran certo horizonte de que a infraestrutura se constrúa, pero á hora da
verdade “os investimentos reais chegarán máis alá de 2024, sen saber
certamente cando”, en tono de sorna comentaba que “exercicios seguintes
a 2024 tanto pode ser 2025 como 2035”. Tamén advirte de que “as
cantidades que figuran no orzamento hai que executalas” porque de nada
serve prever 4 millóns para 2021 “se ao final se gastan 0” como vén
acontecendo nos últimos anos.
Dende o seu punto de vista e se algún día se acaba executando, a Xunta de
Galicia levaría a cabo un proxecto “que se queda a medias”. A redución dos
custos de 80 a 45 millóns non é ningunha milagre, vén acompañada dun
peor servizo. Remarca que a autovía nacía pensada para rematar no
Polígono de Toedo e que finalmente rematará dunha forma “abrupta” no
Rollo. Considera tamén que a eliminación de enlaces en dirección A Estrada
fan que sexa un proxecto peor que o inicial, “moito menos ambicioso para a
Estrada”.
López Bueno afirma que o compromiso da Xunta con esta infraestrutura “é
cero”, porque dende a inauguración do tramo ata a Ramallosa por Emilio
Pérez Touriño, non se produciron avances “en ningún sentido”. De feito,

Prolongación da R/ Castelao 16, baixo
recorda que o propio alcalde da Estrada asegurou ter sido “xeneroso e
comprensivo” coa administración autonómica durante os últimos 10 anos, o
que para o socialista é “un bonito eufemismo para recoñecer que non lle
facían nin caso”.
O voceiro socialista opina que o mérito do Goberno local do PP é moi
limitado respecto deste anuncio, porque nos últimos 10 anos foron
incapaces de colocar esta infraestrutura na axenda da Xunta de Galicia.
Considera que o alcalde non debería arrogarse agora o protagonismo
porque “todas as forzas políticas fixemos presión neste asunto” e cita que
en particular, dende o PSOE da Estrada “levamos anos utilizando todas as
ferramentas que tivemos ao alcance, e incluso algunhas que escapaban da
nosa esfera”.
Considera tamén que o compromiso do propio Presidente da Xunta é nulo, e
asegura que a construción desta infraestrutura se debe ao recorte sen
precedentes que se fai nas súas prestacións, e que ten un marcado carácter
“discriminatorio” para o noso Concello. Afirma que a infraestrutura está
pensada “dende o punto de vista de Santiago de Compostela” e que non
atende determinadas demandas da Estrada. “Non poder incorporarse en
dirección á Estrada ten un perxuízo evidente para o noso Concello”.
López Bueno defende que se trata dunha decisión económica e non política,
porque cando se prevía un proxecto “con todas as prestacións” a Xunta non
abordou a súa execución, “só accedeu cando o proxecto se recortou á
metade do orzamento”.
XULGADOS
O líder socialista tamén valorou o orzamento da Xunta para a construción
dos novos Xulgados de A Estrada. Afirma que 60.000 euros “dan para un
comezo moi tímido” e que, se se chegan a executar, “a final de 2021 haberá
un boceto sobre como poderían ser os Xulgados”.
Lamenta que a Xunta de Galicia non incorpore a previsión para os exercicios
2022 e 2023 dos aproximadamente 2,5 millóns de euros que custará esta
infraestrutura. Deixa claro que a Xunta pretende crear expectativas que non
ten previsto cumprir, polo que haberá que esperar anos para ter o novo
edificio de Xulgados.
PARQUE EMPRESARIAL DE TOEDO
López Bueno tamén considera que “os orzamentos da Xunta revelan máis
polo que calan que polo que din”. Critica con rotundidade que A Estrada
conte con cero euros para o desenvolvemento de solo industrial público. O
líder socialista valora que un ano máis A Estrada vexa desatendida “unha
das nosas principais demandas”. Lamenta que Xestur só contemple 1,5
millóns de euros para a ampliación dun único polígono industrial na


Provincia, “mentres os empresarios da Estrada continúan agardando por
servizos básicos no Polígono de Toedo”. Considera que A Estrada debe
contemplar “dende xa” outras vías para o desenvolvemento da parte pública
do solo industrial de Toedo porque está claro que “coa Xunta non podemos
contar”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta