ROMÁN RODRÍGUEZ ANUNCIA UN INVESTIMENTO DE 2M€ PARA A AMPLIACIÓN DOS TALLERES DE FP DO INSTITUTO ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ DA ESTRADA

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou hoxe un investimento de 2M€ para ampliar o instituto IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez, na Estrada. Unha actuación que, tal e como explicou, “dá resposta a unha vella demanda do centro” e permitirá contar cos espazos necesarios para o axeitado desenvolvemento dos ciclos de Madeira, Moble e Cortiza.

 

A  Consellería de Cultura, Educación e Universidade a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada colaboran desde hai anos, de tal forma que parte da formación destes ciclos se viña desenvolvendo nas instalacións desta Fundación ata o ano pasado. A este respecto, o conselleiro sinalou que a reforma dos talleres realizada recentemente e esta ampliación van permitir que o alumnado de Formación Profesional dispoña dos espazos necesarios para completar a súa formación no propio instituto, o que supón un salto de calidade moi importante, ademais de dar resposta a unha demanda histórica do centro.

 

A este respecto reafirmou o compromiso do Goberno galego coa FP e, especialmente, coa súa conexión co entorno. Neste sentido, afirmou que os ciclos da familia profesional da Madeira son “tremendamente importantes na Estrada, xa que están moi vencellados coa economía local e a estrutura produtiva local” e destacou a súa capacidade para formar profesionais “que doten de capacidade de innovación e de medrar ás empresas do sector do moble”. “Isto é bo para alumno, para os sectores produtivos e para o territorio onde se ubica a FP”, destacou.

O proxecto está nestes momentos en fase de redacción. A previsión é licitalo en abril e adxudicar as obras, que terían un prazo de execución de arredor de seis meses, durante o verán de 2022. “O obxectivo é poder empezar a empregalo en 2023”, indicou Román Rodríguez.

 

Novo edificio

A ampliación do centro realizarase mediante a construción dun edificio destinado a taller para os devanditos ciclos. A nova edificación situarase nunha das pistas deportivas existentes, fronte ao edificio do ximnasio, e será  “un edificio onde a madeira vai estar moi presente en cuestión estruturais”, explicou o conselleiro, así como “adaptado ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica”.

 

Contará cunha superficie útil de 1.270 m², que se distribuirán en dous andares. Na planta baixa situaranse as aulas polivalente e técnica, os vestiarios e o cuarto de limpeza e instalacións. Na alta, o almacén, a sala de profesores e os talleres de Carpintería e moble, de Mecanizado, e de Montaxe, Instalación e acabamento

 

Esta actuación súmase á reforma dos talleres para estes ciclos acometida no instituto Antón Losada Diéguez no ano 2020, que supuxo un investimento de máis de 220.000€.

Compárteo!

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta