A ESTRADA INICIA O PROCESO PARA A CONSTRUCIÓN DUNHA NOVA PISTA DE ATLETISMO CO PLAN REACPON

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde José López Campos asinaron o convenio para a creación da nova dotación deportiva, que ten un orzamento total de 1,3 millóns de euros

A Deputación de Pontevedra e o Concello da Estrada deron hoxe o primeiro paso para a construción da nova e esperada pista de atletismo na zona deportiva da vila, unha actuación que se desenvolverá nunha área de 25.000 metros cadrados e que permitirá ao municipio potenciar a súa oferta deportiva e organizar competicións de ámbito provincial e autonómico. A presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde, José López Campos, asinaron hoxe o convenio para a execución destas obras, enmarcadas no Plan Provincial ReacPon e cuxo orzamento total ascende a 1,3 millóns de euros, dos que a Deputación achegará  858.000 €. O proxecto permitirá á veciñanza da Estrada recuperar para o uso público un espazo actualmente inutilizado que amais de incluír unha zona verde,  permitirá a través do novo equipamento consolidar esta práctica deportiva, de longa tradición na vila, e incrementar a súa oferta. Tanto a presidenta como o alcalde destacaron “este exemplo de colaboración institucional” ao que o propio López Campos engadiu que a Deputación “é un referente en xestión municipal”.

A presidenta, Carmela Silva, cualificou como “moi potente” este proxecto, que vén dar resposta a unha demanda da cidadanía para seguir a impulsar esta disciplina na Estrada e subliñou que “vai ser un exemplo na provincia e un instrumento para que no corto, medio e longo prazo sigamos a ser unha referencia no atletismo a nivel galego, nacional e internacional, algo que se non hai equipamentos non se pode lograr”. Carmela Silva puxo en valor as características da futura pista, “que vai permitir organizar competicións de ámbito provincial e galego e no futuro incluso de máis rango” e especialmente as que se refiren á eficiencia enerxética e sostibilidade, “algo que nas bases era un elemento fundamental, facer construcións sostibles que amais conectan coa Axenda 2030 e os fondos Next Generation”. Engadiu que amais a nova infraestrutura permitirá continuar “a historia de éxito que ten a provincia co atletismo”.

 

Lembrou que os grandes obxectivos do Plan ReacPon da Deputación son a posta en marcha dunha “política económica expansiva que permita facer fronte ás consecuencias da Covid-19 e promover actividade e xeración de emprego”, así como facilitar que os concellos de menor poboación poidan desenvolver grandes proxectos que cos seus propios recursos non poderían asumir, “sempre respectando a autonomía local”. Neste senso, a presidenta destacou que a tramitación deste plan por parte dos concellos ten demostrado a gran capacidade de xestión do mundo local:  “Creo que teñen que tomar nota o resto das administracións, tanto as autonómicas como o Goberno de Estado, de que o mundo local ten unha enorme capacidade de xestión que somos moi eficientes e eficaces –sinalou-. Por iso reclamo que temos que ter máis capacidade, máis competencias e máis recursos porque xestionamos moi ben”.

 

Pola súa banda, o alcalde José López Campos subscribiu as palabras da presidenta ao afirmar que os concellos son “unha administración madura e eficiente” e, engadiu, “temos que ser intelixentes na xestión dos fondos públicos en beneficio da veciñanza e no caso da Estrada a coordinación coa Deputación é un exemplo de ser intelixente e facer as cousas con sentido común”. Deste xeito, puxo o aceno na “importancia que ten a colaboración entre as administracións” e nomeou á Deputación como “un referente na xestión municipal”. En palabras do alcalde estas pistas son “un proxecto ilusionante e a consecución dun compromiso longamente demandado e eu teño que agradecer á Deputación a súa implicación”. Esta era unha “infraestrutura altamente demandada polas máis de 400 nenas e nenos que practican o atletismo no noso concello” e por iso “no momento de anunciar estes fondos extraordinarios vimos claro que o noso proxecto era a construción desta nova instalación deportiva”. José Carlos López tamén puxo en valor o deporte e os seus valores “como unha ferramenta de convivencia” e falou da relación que teñen os eventos deportivos coa atracción turística.

 

O proxecto

A pista de atletismo estará rodeada dunha zona verde contará con 8 rúas de 400 metros e acabado sintético e con zonas de salto de lonxitude e triplo, salto con pértega, lanzamento de disco e martelo e xavelina. As actuacións tamén comprenden a instalación dun sistema de drenaxe tanto para a zona de herba natural como para o anel de atletismo e a dotación de sistemas eficientes de uso e reutilización de auga e enerxía.  

 O Plan da Deputación ReacPon, dotado con 26,3 millóns de euros, beneficiará a 47 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Contou con bases esixentes e criterios obxectivos, aberto a proxectos maduros que contribúan a unha economía descarbonizada e á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 e nos fondos europeos. O programa suporá nestes concellos, ao longo do próximo ano e medio, a execución de ata 25 actuacións de mobilidade segura, tres novas bibliotecas, cinco reformas de casas consistoriais, cinco reformas de espazos culturais, a ampliación ecolóxica dun cemiterio, e oito novas infraestruturas deportivas.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta