LÓPEZ BUENO VALORA OS DATOS DE POBOACIÓN COMO “UN AVISO MOI SERIO AO GOBERNO DO PP”

Luis López Bueno valorou os datos de poboación que
publicou o INE como “un aviso moi serio ao goberno do PP”. O líder
socialista considera que a perda de 90 habitantes no último ano reflexa que
o PP está paralizado “neste e noutros asuntos”, e critica a actitude “pasiva”
do goberno municipal ante unha crise demográfica que parece non ter fin.
O voceiro socialista recordoulle ao alcalde que “A Estrada está nos peores
datos demográficos da historia” e “a un paso de perder a barreira dos
20.000 veciños”. Tamén o advertiu de que perder a categoría como
municipio sería gravísimo para o Concello a nivel económico e social.
Considera que o PP é o “único responsable” desta caída sen precedentes, e
recorda que nos últimos 10 anos A Estrada perdeu “máis de 1.500 veciños
sen que o PP se inmutase”. López Bueno tamén recordou que as únicas
medidas do PP ante esta situación foron “a Baby Box e un vídeo”.
O líder socialista ve “preocupante” que os concelleiros do PP sexan
“incapaces” de presentar ningunha proposta seria, pero considera máis
grave aínda que o PP vote en contra “de maneira sistemática” en todas as
propostas do PSOE que piden facilidades ou mellores servizos para o rural.
“O PP votou en contra da proposta da bonificación do IBI en función dos
servizos municipais que gozan os veciños, en contra de levar centros de día
ao rural e incluso da creación dun Plan de Mantemento de Infraestruturas
para ter unha limpeza viaria e unitarias decentes” indicou.
López Bueno lamentou tamén a falta de traballo dos concelleiros do PP
“neste e noutros moitos asuntos”, xa que non se toman medidas específicas
para reducir o ritmo da caída demográfica nin tampouco atallan cuestións
estratéxicas para A Estrada como son a autovía e o Polígono Industrial.
O líder socialista considera que a solución pasa por cambiar de socios no
desenvolvemento industrial, “hai que contar con Zona Franca de Vigo para
desenvolver a parte pública de Toedo” e tamén por levar “servizos de
calidade ás parroquias, axilizar as licenzas en urbanismo e dar facilidades
para a construción de vivenda”.
A pesar de que A Estrada nunca tivo menos veciños que agora, López
Bueno considera que se pode reverter a situación “sempre e cando se
tomen medidas dende o Concello”. O socialista advertiu de que “A Estrada
sempre foi o Concello máis importante do norte de Pontevedra e debe

seguilo sendo, por moito que o PP se empeñe en quedar de brazos cruzados
cando veñen mal dadas”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta