O Concello abrirá o luns o prazo para inscribirse no Campamento no Mar, que terá lugar en Porto do Son

O Concello da Estrada manterá aberto dende o 4 ata o 15
de xullo o prazo para inscribirse no seu Campamento no Mar 2022, que se desenvolverá
no campamento xuvenil Virxe de Loreto, situado en Porto do Son, do 26 de agosto ao 4
de setembro.
A actividade ofertará un total de 52 prazas adicadas a nenos e nenas de entre 8 e 16 anos
de idade. As persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude entre o 4 e o 15 de
xullo. Para formalizar a inscrición, deberán cubrir un formulario a través da sede
electrónica do Concello da Estrada ou de xeito presencial, no Departamento de Servizos
Sociais de 9.00 a 14.00 horas. No caso de que o número de solicitudes supere ás prazas
dispoñibles, terán prioridade as familias con valoración de risco ou especial
vulnerabilidade, os menores empadroados na Estrada e aqueles que acrediten a súa
condición de familia numerosa.
O prezo da inscrición, despois das bonificacións, será de 88 euros para os participantes
empadroados, de 66 euros para o segundo membro da unidade familiar inscrito e para
as familias numerosas, e será de balde para aqueles nenos e nenas de familias en
situación de risco ou exclusión social. Os menores que non estean empadroados no
municipio non se poderán beneficiar de ningunha bonificación e deberán aboar a
totalidade do custo do campamento, 220 euros.
A listaxe de admitidos será publicada o 22 de xullo na páxina web e mais no taboleiro de
anuncios do Concello. Os familiares dos menores que obtiveran praza deberán realizar o
pago dende o 1 ata o 5 de agosto e presentar no Departamento de Servizos Sociais do
Concello o xustificante de pago, acompañado da seguinte documentación: fotocopia da
tarxeta sanitaria do menor; unha foto recente do participante; fotocopia do libro de
familia ou da cartilla de familia numerosa, no caso de solicitar estas bonificacións; un
cuestionario sanitario que será facilitado no Departamento de Servizos Sociais; e a cartilla
de vacinacións.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta