López anuncia a creación dun heliporto na parcela
municipal situada a carón do centro de saúde

o As actuacións, proxectadas en 26.600 euros e pendentes de licitar, inclúen a
construción dunha plataforma e a creación dunha pasarela para comunicala coa
entrada de Urxencias
o O rexedor local destaca que o proxecto, que atende ás demandas do persoal
sanitario, “amosa a aposta do goberno local por mellorar o acceso ás emerxencias
de toda a veciñanza”

O alcalde da Estrada, José López, anunciou esta mañá
que o goberno local ten previsto dotar ao centro de saúde estradense dun heliporto “para
facilitar a aterraxe e o despegue do helicóptero do 061 nun lugar estable, evitando perder
tempo na procura dun terreo cando se desprace á Estrada por algunha emerxencia”.
As actuacións, proxectadas en 26.600 euros e pendentes da súa licitación, consistirán na
construción dunha plataforma na parcela de titularidade municipal situada a carón do
centro de saúde, na zona da Baiuca, e mais a creación dunha pasarela que comunique a
plataforma coa entrada de Urxencias.
O rexedor local destacou que este proxecto, que atende ás demandas do persoal
sanitario do centro de saúde da Estrada e mais ás do propio 061, “amosa unha vez máis
a aposta do goberno local por mellorar o acceso ás emerxencias de toda a nosa
veciñanza”. Ademais, precisou que os técnicos municipais levan meses traballando nesta
proposta pero o procedemento estivo paralizado á espera de obter os permisos
necesarios do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana pola súa
proximidade á estrada N-640.
O alcalde lembrou que “o compromiso do goberno local coa mellora dos servizos
sanitarios” verase reflexado tamén coa substitución da actual ambulancia municipal do
Servizo de Emerxencias da Estrada por outra nova, para o que se adicarán 75.000 euros
“co obxectivo de seguir mantendo un servizo básico e fundamental para a veciñanza,
complementario ao do 061, e que realiza preto de 1.300 intervencións ao ano”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.