A Xunta aproba inicialmente a ampliación do polígono
industrial de Toedo tras superar os trámites ambientais

O alcalde da Estrada, José López, avanzou esta mañá
que a ampliación do polígono industrial de Toedo, incluída na segunda modificación do
Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia, atópase en fase de
aprobación inicial por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo logo de superar os
trámites de avaliación ambiental.
O rexedor local celebrou os avances neste proceso, que permitirá aumentar a superficie
do polígono empresarial de Toedo en 160.000 metros cadrados, e que reflicte “o claro
compromiso do goberno local co tecido productivo estradense”. López engadiu que ante
“o despegue empresarial” que está a experimentar a zona nos últimos anos, con varias
firmas asentándose no terreo do polígono estradense, estas actuacións permitirán
“solucionar a falta de solo empresarial e conlevarán a xeración de emprego e riqueza no
noso municipio”.
Ademais desta actuación, o Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia
tamén incorpora a modificación do ámbito da Cidade do Moble para facer viable a súa
construción.
Na actualidade, este documento atópase en fase de exposición pública e poderanse
presentar alegacións durante dous meses. Unha vez aprobado definitivamente, coa
conseguinte conversión do solo rústico a solo urbanizable industrial, será integrado no
Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e permitirá desenvolver logo os trámites
para a urbanización desas zonas.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.