O Teatro Principal contará cun outono cultural con
preto de 30 eventos musicais, teatrais e literarios

O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, presentou
na mañá  do Venres os preto de 30 eventos que conformarán a programación cultural do municipio
durante os meses de outono e que pecharán os actos conmemorativos do 75 aniversario
do Teatro Principal da Estrada.
Na súa intervención, o edil de Cultura puxo en valor o traballo do seu Departamento para
ofrecer “como vén sendo habitual, unha programación cultural que busca a calidade, a
diversidade e o entretemento”, con propostas musicais, teatrais e literarias para todos
os públicos e idades “que reflexan o noso compromiso en materia cultural coa
veciñanza”.
Dentro da programación infantil e familiar, Constenla destacou a presenza na Estrada de
dous musicais de gran formato como “La Bella y la Bestia” e “Pinocho”, ademais do
espectáculo “Golulá”, “unha das propostas infantís con máis éxito da historia do teatro
galego”, para o que se poderán recoller entradas a partir do luns 3 de outubro no
Departamento de Cultura do Concello. No eido musical, o edil resaltou o concerto da
banda de folk Milladoiro, “agrupación que inaugurou o Teatro Principal tras a súa
reapertura a finais dos anos 90 e que pechará agora os actos do seu 75 aniversario”. No
tocante ao apartado teatral, Constenla fixo referencia á presenza da compañía madrileña
Yllana, ao espectáculo “Chungo”, de Luis Zahera e a “unha estrea moi ilusionante”, a da
nova obra da EMAE “Pastel de Escarapote”, con Anabell Gago e Chelo do Rejo ao fronte.
Copmletarán a oferta recitais e parladoiros literarios e tamén haberá espazo para a
zarzuela.

O primeiro dos eventos culturais programados no Teatro Principal da Estrada ata final de
ano será o espectáculo “Greenpiss”, da compañía madrileña Yllana, que se representará
mañá ás 21.00 horas con todas as localidades esgotadas; o sábado 8 de outubro, ás 12.30
horas contará co espectáculo infantil “Golulá”, de Galitoon Producións e, xa pola noite,
ás 21.00 horas estrearase a última comedia da Escola Municipal de Artes Escénicas
“Pastel de Escarapote”, que repetirá función o domingo 9 de outubro ás 19.00 horas. O
venres 14 de outubro, o pianista estradense Javier Otero presentará o seu último traballo
ás 21.00 horas; o sábado 15, ás 20.30 horas, o Coro Liceo de Vilagarcía protagonizará un
concerto de zarzuela; o venres 21, ás 20.30 horas, terá lugar o primeiro parladoiro
literario con Ledicia Costas; o sábado 22, ás 21.00 horas, será a quenda de Luis Zahera co
seu monólogo “Chungo”; e o sábado 29 a Coral Polifónica Estradense ofrecerá o seu
concerto de outono ás 20.30 horas.
A oferta cultural do mes de novembro comezará o venres 4, ás 21.00 horas, co recital
literario do dúo Aldaolado; o sábado 5, ás 19.30 horas será a quenda do musical “La Bella
y la Bestia”, de Eventime Producciones; o venres 11, ás 21.00 horas a compañía
Verdeveras representará a obra “Crónica dunha heterosexual insatisfeita”; o domingo 13,
ás 18.00 horas celebrarase o festival “Lumen a Lareira”; o venres 18, ás 21.00 horas terá
lugar o espectáculo poético-musical de Yolanda Castaño “O idioma da tinta”; o sábado
19, ás 20.30 horas a Banda de Música Municipal da Estrada ofrecerá o seu concerto de
Santa Cecilia; o venres 25, ás 21.00 horas celebrarase o concerto do grupo de folk
Milladoiro en homenaxe ao 75 aniversario do Teatro Principal; e o sábado 26, ás 20.30
horas, a Banda de Música Cultural da Estrada ofrecerá o seu concerto de Santa Cecilia.
Durante o mes de decembro desenvolveranse as seguintes actividades: o sábado 3, ás
21.00 horas Joan Strader protagonizará a exhibición do taller “Humor para torpes”; o
sábado 10, ás 12.30 horas, a compañía Títeres Alakrán representará “Desconexión”; o
sábado 17, ás 20.30 horas, a Coral Polifónica Estradense ofrecerá o seu tradicional
Concerto de Nadal; o xoves 22, ás 20.30 horas celebrarase o parladoiro literario co
escritor Manuel Rivas; o venres 23, ás 21.00 horas o Obradoiro de Música Moderna Carlos
Barruso ofrecerá un Concerto de Nadal; e o mércores 28, a compañía La Bicicleta
representará o musical “Pinocho el Musical” con dúas funcións ás 17.30 e ás 19.30 horas.
Constenla tamén adiantou que nos próximos días presentarase a xira do ciclo “O teleclub
da comedia”, que percorrerá as distintas parroquias estradenses ao mesmo tempo ca o
ciclo de actividades culturais “Un cómico na aldea”, que xa se está a desenvolver na
actualidade. Tamén están pendentes de confirmar as datas dos dous últimos
“Parladoiros”, presentados no mes de marzo cun gran éxito entre os/as estradenses. A
maiores da oferta cultural do outono, o edil explicou que o Departamento de Cultura está
a traballar na programación especial do Nadal “para facilitar a conciliación familiar e
ofrecer numerosas propostas para os máis cativos”.
A carteleira cultural presentada esta mañá estará dispoñible na páxina web do Concello
e na aplicación móbil do Departamento de Cultura.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.