Os cables de Bouzamar seguen sen arranxar e causando graves problemas de seguranza vial

O Alcalde ten que tomar medidas, non pode ficar de brazos cruzados vendo os días pasar agardando que as cousas se arranxen soas, cando o normal é que empeoren como é o caso

 Hai máis de 4 meses, en xuño pasado, denunciamos que no lugar de Bouzamar había un poste de Telefónica roto e os cables estaban amarrados provisionalmente e dun xeito que, dun día para outro, podían desprenderse e provocar un accidente.

Pasaron as semanas e os meses e a situación, lonxe de mellorar, empeorou dada a provisionalidade da situación. No día de hoxe, veciños e veciñas da zona de Vea comunicáronnos que os cables volven a estar sobre a EP-8401, pola que pasan diariamente moitos vehículos, moitos camións de grandes dimensións.

No BNG actuamos con responsabilidade e nada máis termos coñecemento da situación chamamos a Protección Civil para que sinale o perigo e afaste os cables da Estrada. Mais volvemos a insistir en que o Alcalde ten que tomar medidas, non pode ficar de brazos cruzados vendo os días pasar agardando que as cousas se arranxen soas, cando o normal é que empeoren como é o caso. Neste sentido, o alcalde, como máximo responsábel político do concello ten que esixir a Movistar que arranxe esta desfeita, que pode deixar sen teléfono e internet á metade do val de Vea.

Por outra parte, desde o BNG tamén instamos á Deputación de Pontevedra á actuar. A EP-8401 é unha estrada da súa competencia e non pode ser que esta chapuza deste calibre sexa un perigo para a seguranza vial e para os veciños e veciñas Vea. Hai que ter en conta que os cables están situados nunha curva moi pechada e estreita, pola que a duras penas poden pasar dous camións un tempo.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.