Presentación candidatura BNG en A Estrada

. Grazas por acudir á presentación da candidatura do BNG da Estrada ás vindeiras eleccións do 28 de maio.

Tamén quero dar as grazas ás compañeiras e compañeiros do BNG que confiaron en min para encabezar a candidatura. Unha aposta arriscada pero necesaria, non por ser eu o candidato, senón pola renovación xeracional que tan necesaria é para a continuidade da loita político. En especial quero dar as grazas a Xosé Magariños e Susana Camba, anterior e actual portavoz municipal; grazas polo traballo e pola paciencia, López non é para todos os públicos.

Ser o cabeza de lista do BNG é un grande reto, que afronto cunha enorme ilusión é decisión. Sei que vai ser complicado, penso que non é ningún segredo que me falta experiencia, pero podo asegurarmos que darei todo de min para acadar uns grandes resultados nas eleccións.

Tamén quero agradecer o apoio e o respaldo que hoxe nos presta a nosa portavoz nacional, Ana Pontón. Coido que falo no nome de todos cando digo que para nós é moi importante o teu apoio, Ana.

Conformamos unha candidatura moi nova, especialmente nos primeiros postos, con Vanesa e Ricardo, mais tamén con experiencia, homes e mulleres preocupadas pola situación do noso concello, que son referentes sociais en distintos ámbitos, desde o activismo cultural e lingüístico, con Jásper e Clara, o sindicalismo nacionalista, Nogueira e Víctor, no comercio, con Sindo e Vanesa, no feminismo con Raquel, Susana e outra vez Vanesa, e por suposto, con referentes no rural, que viven en traballan no rural como Carmen de Berres.

Eu non vou ser o que vaia por aí dicindo que temos a mellor candidatura. Anque lo piense! O certo é que se me fai difícil imaxinar outra candidatura que represente mellor á xente da vila e do rural, especialmente á xente que quere cambiar as cousas.

Temos a mellor candidatura (ui! Ao final si que o dixen) e temos tamén por diante un grande reto, impedir que o 4×4 do PP de López arrase o noso concello.
Catro anos máis que afondarían na situación crítica que soporta o pobo da Estrada, e que case con total certeza nos condenaría a baixar dos 20.000 habitantes. Algo que se cadra xa é irreversible, gracias aos 12 anos de goberno do PP na Estrada e na Xunta.

E é que A Estrada non vai ben. Iso podémolo ver todos e todas. Non hai máis que darse un paseo polas rúas da Estrada. So se ven baixos comerciais pechados, edificios enteiros á venda ou baleiros, mesmo o emblemático edificio da Farola, onde por certo, o PP aínda ten os restos do seu local electoral de hai 4 anos. Que bonita metáfora se non fora verdade.

A Estrada non vai ben. E é que o goberno de López non fixo nada polo rural. Nada, só asfaltou os viais, obviamente nos meses previos á campaña, e con coidado de que primeiro vaian os dos amigos ou concelleiros. Mais, a parte disto, o rural segue igual que hai 4 anos, mesmo diríamos que segue igual que hai 12, cando López tomou o bastón de mando. Durante este tempo foi incapaz de realizar nin un só saneamento. O 80% das parroquias da Estrada, e temos 51, non teñen saneamento. Tampouco foi quen de apoiar decididamente ningún dos proxectos que as veciñas queren levar a cabo e levan levando a cabo toda a vida.

Iso si, os veciños e veciñas que viven no rural teñen un coche compartido á súa disposición no centro da vila. Moi útil para a xente de San Miguel Castro, Montillón, Barcala… xente que vive a 20 quilómetros da vila e que supoño que terán que coller un taxi para coller este coche compartido. Ocorrencias de López e dunha multinacional que transplanta un servizo, que pode valer para as Castelas, pero non vale para un concello galego con grande dispersión territorial como o noso.

E é que este goberno é o goberno das ideas peregrinas. Do baño público da alameda, no que gastaron 70.000€ e que básicamente serve para que pareza que temos un trasbordador espacial.
Tamén dos carteles luminosos do “Smart-parking”, que ten que ser moi moi smart, pero non serve para absolutamente nada.

E mentres tanto, A Estrada non vai ben. Agora mesmo hai 5 edificios públicos abandonados que López non sabe que facer con eles. O Matadoiro, o antigo INEM, o antigo centro de saúde, o albergue de Sabucedo e a estación de autobuses, Pasan os días e que o goberno municipal non sabe nin quere facer nada con eles. Eles so queren ideas prefabricadas e propostas por empresas privadas, que lle servan para facer campaña e que lles dé o menor traballo posible. Nós, desde o BNG, xa lle demos unha idea, un centro de día no antigo centro de saúde. Pero López nada, e iso que llo puxemos doado, levando o asunto ao Parlamento Galego e ao Congreso. Supoño que prefiren facerlle caso ás grandes empresas.

E é que o obxectivo deste goberno é manterse de brazos cruzados, e iso que cobran 168.000 euros ao ano.

A Estrada NON vai ben, e se hai un indicador que pon en evidencia este feito é o dato do IGE que di que o noso concello baixou dos 20.000 habitantes. Anque o reconto do concello indique Sexa como sexa, e anque López di que non baixamos aínda, Cifra que probablemente a López lle sexa suficiente, xa que pode escorrer o bulto 4 anos máis, pero o certo é que ten toda a pinta de abocarnos a un futuro moi negro. A Estrada perde poboación, e nin o Baby Box nin as cartas aos veciños e veciñas que enviou van solucionar este problema, un problema que terá grandes consecuencias, xa que menores ingresos para o concello implican menor capacidade para dar servizos.

O que si quero que teñades claro é que MENTRES os habitantes da ESTRADA BAIXAN, HAI UN SOA COUSA QUE SOBE, E É O SOLDO DE LÓPEZ. Cando foi alcalde por primeira vez cobraba 42.000 euros brutos, hoxe cobra 58.000. Á vista dos feitos, evidentemente non os merece.

Estamos en marzo, aínda non se pode pedir o voto. Eu non o vou facer. Penso que é unha reflexión que cada quen ten que facer pola súa conta. Máis si que desta volta reflexionedes con toda a forza do mundo. Que pensedes e que fagades pensar aos demais se merece a pena arriscarse a un cambio ou merece a pena arriscarse a outros 4 anos de malo coñecido. Outros catro anos de goberno inútil. Ou ogallá fose inútil. Poorque son outros catro anos de IDOM (a súa consultora-os que fixeron o aparcamento intelixente, a lameira da praza da feira, o Hyundai Kona). En definitiva, se queredes – se queremos- un goberno de Mercadona, de Hyundai, de Lidl, de IDOM, ou un goberno de veciñas e veciños comprometidas coa Estrada.

Compañeiras e compañeiros, temos unha grande reto por diante, queremos unha Estrada nova. Poñer en marcha un novo proxecto de concello vivo, dinámico, feminista, consciente do seu potencial e orgulloso do seu patrimonio cultural, así como da lingua galega que nos une. Queremos que A Estrada sexa un Concello BNG, un modelo a seguir como o hoxe o son Pontevedra, Allariz, Tomiño…

QUEREMOS UNHA A ESTRADA ORGULLOSA DO NOSO.

A Estrada ten moito patrimonio oculto e esquecido, que nin sequera figura nas guías turísticas do concello, como é a Torre e o Pazo de Guimarei. O BNG márcase como obxectivo recuperalos para os veciños e veciñas da Estrada, como un novo espazo socio-cultural de lecer e recreación, situado a poucos metros da vila. E se temos que expropialo, expropiámolo, pero no BNG non imos consentir que a Torre e o Pazo de Guimarei continúen nunha silveira como está agora.

QUEREMOS UNHA A ESTRADA CON DINAMISMO ECONÓMICO.

Unha das nosas prioridades será aumentar o solo industrial público para que as empresas, en especial as do moble e da madeira, poidan medrar e xerar emprego no noso concello. Ese é un dos motivos do declive demográfico da Estrada, pero para o PP iso non é unha prioridade, de momento iso só figura no papel. Nós queremos convertelo en realidade.

QUEREMOS UNHA A ESTRADA VERDE

Unha das grandes tarefas que temos por diante é o de dotar de saneamento público o noso rural. Sabemos da súa dificultade, mais é unha demanda dos veciños e veciñas do rural; mais tamén é unha necesidade para o noso medio ambiente. Buscaremos a alternativa que mellor se adapte a nosa forma de habitar o territorio; non será doado, pero os veciños e veciñas do rural teñen que ter os mesmos servizos que teñen os da vila. Nin máis nin menos.

QUEREMOS UN RURAL VIVO

En moitas parroquias do noso concello, como Santo André de Vea, Couso, Ouzande, A Sagrada (Codeseda), Orazo…, hai espazos nos que se concentra unha importante actividade socio-cultural. Cremos que estes espazos deben reunir uns mínimos de habitabilidade e de adaptación ás necesidades dos colectivos sociais; cousa que agora non acontece.

Neste sentido o BNG propón acondicionar estes espazos para facilitar e mellorar a actividade das parroquias, son o que nós chamamos Núcleos de centralidade parroquial, unha idea que copiamos do concello de Pontevedra.

Tamén queremos potenciar a praza de abastos como centro comercializador dos produtos do agro do noso concello. Facilitaremos o asentamento de poboación no rural para combater o abandono e o despoboamento.

QUEREMOS UNHA A ESTRADA PARA PERSOAS.

Por iso, esixiremos ao Estado a inmediata construción da Variante, que permita desconxestionar o tráfico da vila, así como melloras na seguranza vial en todo o trazado da N-640 que atravesa o noso concello, xa que se teñen dado numerosos accidentes de importancia e isto non pode volver a acontecer.

Na Estrada temos un deputado no Congreso? Si, é do PP, pero quen pelexa pola Variante e pola seguranza vial da N-640 ao seu paso polo concello non é Constenla, é Néstor Rego, deputado do BNG.

Ampliaremos as zonas verdes e de lecer, dispersando polo casco que parece que teñen que estar concentradas na Alameda (que vaia alameda, por dios, que ben estaba coma antes).

Rescataremos o antigo centro de saúde da Avenida de Santiago para darlle aos veciños e veciñas da Estrada un centro de día amplo que dea acollida a todas as persoas dependentes que o soliciten. Cremos que é de xustiza.

QUEREMOS UNHA A ESTRADA PARA A MOCIDADE

As mozas e mozos son, SOMOS,  o futuro. Sen elas e sen eles non se pode construír e transformar o noso concello. A mocidade existe, ten inquedanzas e necesita oportunidades para demostrar todo o seu potencial. Xa o están facendo, con moitas dificultades e sen apoio institucional de ningún tipo.

Por iso, como alternativa ao ocio nocturno, impulsaremos as “Noites Abertas”, que xa está en marcha con notábel éxito na cidade de Pontevedra, con actividades de todo tipo para mozas e mozos. E non solo iso, se non que estaremos en continua comunicación con eles, para escoitar as súas inquedanzas e propostas, que de seguro teñen moito que dicir.

Poñeremos en marcha da Casa da Mocidade, que podería estar localizada no antigo INEM, onde  as asociacións xuvenís poderían desenvolver a súas actividades. Poñeremos en marcha iniciativas e servizos de prevención do suicidio, das que non so se beneficiarán os novos, así como diversas iniciativas que impidan que a única formación en sexualidade que teña a xuventude sexa o porno.

En definitiva, QUEREMOS UNHA A ESTRADA NOVA. Queremos un concello que supere estes doce anos grises e tristes do PP de López. Queremos mandar ao baúl dos pesadelos a este goberno que sempre estivo de brazos cruzados ante os problemas dos veciños e veciñas.

E isto faime o acordo de algo que non quero pasar por alto. É o caso Sabucedo, onde Naturgy vai colocar un parque eólico no Campo das Rosas, afectando á fauna cabalar e á Rapa; máis tamén Castro Valente, onde outra eléctrica vai instalar outro parque enriba dos restos dunha das fortalezas medievais máis importantes de Galiza.

Nós, como demostramos, estamos do lado da xente. Estamos do lado da terra e do medio ambiente, estamos de lado do patrimonio e da cultura.

O goberno de López está ao lado dos executivos de Mercadona, Lidl, Hyundai, IDOM, do lobby eléctrico.

O 28 de maio é o momento de deixar atrás todo iso e apostar por un goberno para os veciños e veciñas. É o momento de apostar pola xente nova e pola xente que sempre estivo aí. O futuro non é do PP, por sorte, é noso e queremos empezar a construílo xa.

Adiante co BNG!

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.