BNG da lanza unha web para recoller suxestións para o programa electoral

«A Estrada nova que queremos construír non se pode facer sen contar coa opinión e as suxestións da veciñanza»

O BNG está en plena fase de elaboración do programa electoral das municipais e vén de lanzar a web aestradamerecemais.info para recoller suxestións dos veciños e veciñas do noso concello.

Xoán Reices, candidato do BNG, explicou que «A Estrada nova que queremos construír non se pode facer sen contar coa opinión e as suxestións da veciñanza, por iso abrimos esta web para recoller as suxestións e opinións que afectan a todos os ámbitos, desde as políticas para o rural, a económica, a industria do moble, pasando pola cultura, a mocidade, a muller, etc». «A opinión dos veciños e veciñas conta para o BNG», engade.

«O formulario é moi sinxelo de cumprimentar», indica Reices, «non recolle datos persoais de ningún tipo, polo tanto as suxestións serán anónimas para que os veciños e veciñas se sintan libres de expresarse sen problemas». «Por outra parte», engade o candidato do BNG, «tamén recollemos a opinión que teñen a nosa veciñanza dos distintos servizos que presta o concello, así  teremos un coñecemento en profundidade dos problemas aos que se enfrontan día tras día os nosos veciños e veciñas».

O candidato do BNG, Xoán Reices, afirmou que «a elaboración do programa electoral xa a temos moi avanzada, mais cremos que as suxestións que se insiran neste formulario que poñemos a disposición dos veciños e veciñas, enriquecerao, e a axudarannos a poñer en marcha A Estrada Nova que queremos, un concello que supere estes doce anos grises e tristes do PP de López, que mande ao baúl dos pesadelos a este goberno que sempre estivo de brazos cruzados ante os problemas dos veciños e veciñas».

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.