O BNG CONSIDERA INCOMPATÍBEL O PARQUE EÓLICO COA PROTECCIÓN E POSTA EN VALOR DA FORTALEZA DE CASTRO VALENTE

Xoán reices, portavoz e candidato do BNG en Padrón, anunciou que o BNG presentará mocións na Estrada e en Padrón

«Non hai compensacións que xustifiquen a destrución da contorna do xacemento», sinalou Xoán Reices, candidato do BNG á alcaldía da Estrada

A Estrada, Representantes do BNG nos concellos de Padrón e A Estrada, encabezados por Bea Rei, portavoz en Padrón, e Xoán Reices, candidato á alcadía da Estrada, acompañadas polas deputadas Iria Carreira, Montse Prado e Luís Bará, presentaron hoxe na Xunta un escrito no que solicitan a revisión da Declaración de Impacto Ambiental, a denegación da autorización do polígono eólico e o desenvolvemento dun proxecto de investigación e promoción do enclave.

O escrito do BNG fai referencia ao proxecto de investigación «Castelos no aire. As fortalezas como símbolo do poder aristocrático na Gallaecia (400-600 e.c.) do dr Mario Fernández Pereiro, financiado pola Deputación da Coruña e á publicación «Buscando un castillo medieval entre la vegetación. El caso de castro Valente», publicado recentemente por Mario Fernández Pereiro e José Carlos Sánchez Pardo na revista Cuadernos de Arqueología de la Universidad de Navarra.

Para o BNG, «As recentes investigacións e prospeccións arqueolóxicas obrigan a revisar os informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre o proxecto do polígono eólico, coa finalidade de protexer o enclave e a súa contorna e desenvolver unha ampla investigación sobre o mesmo antes de levar a cabo obras que poderían ter impactos irreversíbeis».
O grupo nacionalista considera unha fraude que a Xunta lle dea luz verde ao proxecto da empresa Iberdrola, cuxos principais accionistas son fondos de investimento especulativos como Catar Holding e Black Rock, a cambio dunha suposta compensación en forma de investimentos na restauración da igrexa e o convento de Herbón e na conservación do Castro Valente. Segundo sinalou o portavoz de medio ambiente no parlamento, Luís Bará «Estes investimentos na protección e restauración do patrimonio cultural deben facerse sen que estean patrocinados por unha empresa privada e non ten sentido entrar nunha lóxica de destrución do espazo e logo facer coidados paliativos. Está claro que o polígono eólico é incompatíbel coa protección e posta en valor de Castro Valente e se a empresa quere producir enerxía renovábel debe facelo noutro emprazamento que non teña estes efectos destrutivos».

A debate nos plenos dos Concellos

Tanto a portavoz do BNG en Padrón, Bea Rei, como o candidato á alcaldía da Estrada Xoán Reices, anunciaron a presentación de mocións nos plenos dos dous concellos, coa finalidade de que as dúas corporacións se pronuncien en contra do polígono eólico e a favor da recuperación de Castro Valente para convertelo nun atractivo e nun elemento dinamizador dos dous concellos.

Solicitude de documentación por vía parlamentar

Por outra parte, as representantes do BNG no parlamento galego anunciaron o rexistro de iniciativas para que a Xunta facilite a documentación correspondente á tramitación do proxecto. Segundo o grupo nacionalista, houbo numerosas modificacións en forma de addendas que se descoñecen, así como numerosos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e supostos acordos coa empresa promotora que deberían someterse a coñeceento e a información pública para evitar a indefensión que poida producirse. Lembra o grupo nacionalista que hai antecedentes de sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anulan proxectos eólicos por non someter a información pública a documentación, incluindo todos os infores sectoriais dos departamentos da Xunta.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.