López preséntase ás eleccións cos deberes sen facer

Temos un goberno inoperante que vive dos anuncios de investimentos que fan outras administracións como o da sinalización do rural que se iniciou esta semana.

López preséntase ás eleccións cos deberes sen facer. É completamente inadmisíbel que un goberno municipal que se presenta á reelección teña a día de hoxe os orzamentos de 2023 sen aprobar e non van estar listos polo menos até o mes de xullo.

O goberno de López podía aproveitar o último pleno para traer os orzamentos ao pleno, mais a día de hoxe coa convocatoria na man, nin están nin se lles espera. Teremos un pleno do mes maio con só dous puntos na orde do día, un coa aprobación da acta anterior e outro coa dación dos decretos da alcaldía, a parte de rogos e preguntas.

Desde o BNG xa levamos temos criticando a actitude pasota e incompetente do goberno de López, e terá neste pleno do mes de maio a guinda a un mandato desastroso para o noso concello. Podemos entender que en 2020 coa pandemia e o confinamento os orzamentos sufriran un retraso, mais en 2023 non, e demostra a incompetencia dun goberno do PP acabado.

Ter os orzamentos aprobados en tempo e forma é clave para definir os gastos e os investimentos dun concello. Temos un goberno inoperante que vive dos anuncios de investimentos que fan outras administracións como o da sinalización do rural que se iniciou esta semana.

Agardamos que a veciñanza da Estrada tome nota e castigue electoralmente ao goberno de López, apostando por unha forza como a do BNG, que xa demostrou que fai un traballo serio e rigoroso, en defensa dos intereses dos veciños e veciñas.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.